Páxinas

2013/01/09

De lonxe vén o poder da palabra

Templo de Zeus Olímpico by Kaplan.


"Señor, eu non son merecente de que entres no meu fogar, 
mais unha palabra túa abonda para me salvar." 

De lonxe vén o poder da palabra


Houbo un ser humano que foi coller a fera salvaxe cazada por outro, e este deixoulle facer.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta deixoulle facer.


De lonxe vén o poder da palabra, é un misterio que durante séculos quixeron desvelar os máis sisudos sabios.
En certa ocasión, Apolo decidiu condenar a cidade de Atenas á calor intensa dos seus raios durante un verán. Os sabios decidiron mudarse á quinta de Academo, e durante trinta días xuntáronse nos fermosos xardíns consagrados a Atenea e discutiron ata o solpor sobre cal había de ser a primeira palabra. Esa tarde, atento ao horizonte, un vello ancián tras ver o raio verde dixo: "Queridos compañeiros, estamos errados na nosa procura, nada importa cal foi a primeira verba pronunciada, a palabra verdadeiramente importante e aquela que debemos buscar é a palabra máis poderosa xa que con ela haberemos de ser invencibles". Os seus compañeiros retiráronse aos salóns do pazo de Academo e mentres gozaban doutros praceres dixo outro dos pensadores: "Sen dúbida Zeus, o deus dos deuses, ha de saber cal será esa sucesión máxica de sons, preguntémoslle a el!".
Á mañanciña do día seguinte os tres máis sabios deles foron ao templo de Zeus e despois de lle faceren as honras dixéronlle: "Oh Zeus, deus dos deuses, todopoderoso dende a túa nacencia do ventre de Rea, concédenos saber cal é a máis poderosa das palabras para que no teu nome poidamos dominar os corazóns dos homes e de todos os pobos da terra".
Naquel intre un trono invadiu o ceo e das entrañas da terra coa súa voz poderosa, Zeus dixo: NON.
Ignorantes do agasallo do deus, os sabios volveron canda os seus compañeiros decepcionados polo que eles consideraban a pouca bondade que o deus demostrara á súa petición.
Pobres sabios de Atenas, Zeus agasalláraos coa primeira e máis poderosa de todas as palabras, a única capaz por si soa de mudar radicalmente a realidade.

Houbo un ser humano que foi coller a presa matada por outro ser humano, e este díxolle NON.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este díxolle NON.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e ese díxolle NON.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta díxolle NON.

Por iso agora utilizo eu a máis poderosa das palabras para che dicir: NON marches nunca.

9 comentários:

João Roque disse...

Saber dizer NÃO é uma virtude...

peke disse...

Fermoso, precioso post. :)

Noa disse...

Marabilloso.

matrioska_verde disse...

Fermoso mensaxe de amor o de amizade, non importa.

biquiños,

matrioska_verde disse...

houbo un tempo en que eu non sabía decir que NON, costoume moito aprendelo.

biquiños,

Paz Zeltia disse...

Sempre pensei que ante determinadas palabras se alguén dicía non é que tiña o corazón de ferro.
Pero despois aprendín que non era a fermosura das palabras empregadas, nin a dozura do ton con que sexan ditas. O que conmove a alguén non é o que nós sentimos por el/ela, se non o que el/ela sente por nós.
Entón non importan a beleza do discurso nin a torpe maneira de expresalo.

Neste caso, se as palabras serviran, as túas son para amansar fieras.

Saúdos.

Chousa da Alcandra disse...

NON sabía que se podía dicir de xeito tan fermoso.

Raposo disse...

Verdadeiramente NON é unha palabra poderosa e o ser humano aínda non é consciente de todo o súa forza.
Moi bo post.

X disse...

Moitas grazas a tod@s polos seus comentarios e felicitacións, sentáronme moi ben.