Páxinas

2010/08/24

Campaña de animación á lectura 70

Jacek Yerka: Bible Dam.
Upon what base?

"[...]
Who laced and filleted the earth so fine
With rivers like green ribbons smaragdine?
Who made the seas its selvage, and its locks
Like a quilt ball within a silver box?
[...]"
Edward Taylor (1645-1729)

2010/08/23

Non hai que esperar a ter sede



ANUNCIO NA TELE:
"Non hai que esperar a ter sede,
hai que comezar a beber antes de emprender a viaxe."

2010/08/20

Meme literario

Vía Robinson en Ithaca chegou á Selva un meme literario irresistible que contén preguntas tomadas de libros infantís dos de toda a vida, que, como moitas preguntas infantís aparentemente inocentes, ás veces toca fondo. 

Jacek Yerka: The time breaker.
1. Frank L. Baum: O mago de Oz; o Espantallo a Dorothy: Pódese saber quen es e onde vas?

Son unha blogueira que ten o seu blog en estado de semi abandono e que leva xa bastante tempo que nin o dá posto ao día como é debido nin se atreve a cerralo porque cando vai pola vida exterior de vez en cando atopa cousas que  só pode colocar na Selva.

2. Michael Ende: Momo; Momo aos nenos: E iso é divertido?

Iso pode ser moi divertido.



3. Michael Ende: Momo; home gris a homes grises: Que é unha vida humana?

Algo ínfimo no tempo e no espazo, unha crueldade existencial, e aínda así, como di Kaplan, "Unha oportunidade única que algúns aproveitan e outros non".



4. Robert L. Stevenson: A illa do tesouro; John Silver a Jim: Cres que un morto está morto para sempre, ou cres que pode resucitar?

A razón lévame á finitude pero o meu egocentrismo négase a asumila.



5. Miquel Rayó: O tesouro do Capitán Nemo; Marisa ao protagonista: Que buscas?

Gustarche.



6. Astrid Lindgren: Pipi Calzaslargas; Tommy a Pippi: Que é o que non consentirías?

Que lle fagan dano a quen quero.



7. Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o Gato de Chesire a Alicia: Cáeche simpática a Raíña?

Cáenme simpáticas moitas outras raíñas máis importantes.



8.Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o rato a Alicia: Gústanche os cans?

Teño con eles unha relación extraña que vai desde a aversión a mesmo chegar a pensar en compartir a vida con un.



9. Daniel Nesquens: 17 contos e dous pingüíns; Marta a papá: Por que o oito vai despois do sete?

Porque o 8 é o mellor número, curvo e enrevesado, infinito, e deixou existir antes ao máxico 7 para aprender dos seus extraños poderes.



10. Roald Dahl: Matilda; Truchbull a Wilfres: Teño 8 cocos, 8 monos e 8 nenos. Cantos imbéciles teño en total?

Non o sei, pero probablemente bastantes, hainos por todas partes.

11. Roald Dahl: As bruxas; Neno á avoa: Atopaches algunha vez unha bruxa?

Si, de cando en vez aparece algunha pero fulmínoa da miña vida cos meus raios matabruxas, mágoa que ás veces non sirvan tamén para desfacer o mal que previamente fixeron.



12. James Barrie: Peter Pan; Peter aos nenos: Credes nas fadas?

Non e arrepíanme as tendas cheas de figuriñas, camisetas e cuncas horribles de fadas e trasnos.

13. James Barrie: Peter Pan; Wendy a Peter: Sabes o que é un bico?

Un bico é algo extraño que pode oscilar entre o maior dos noxos e a eternidade.



14. Michael Ende: Momo; Momo ao mestre Hora: Que é o tempo de verdade?

A nosa traxedia vital ou o que ti e mais eu temos pendente.

15. Henning Mankell: O can que corría cara a unha estrela; Joel a si mesmo: Ser adulto é isto, facer e dicir cousas que non entenden os nenos?

Ser adulto é asumir que  xa non todo é posible.

16. Lewis Carroll: Alicia no país das Marabillas; Alicia a si mesma: De que serve un libro se non trae estampas nin diálogos?

Igual que serve a auga que non bebemos ou o aire que non atrapamos entre os dedos, pódennos dar pracer ao pasar. Un libro sérvelle en primeiro lugar a quen o escribe e logo sérvelle a quen o le aínda que só sexa polo pracer da lectura en si mesma por moito que non traia estampas nin diálogos.

2010/08/13

Sereas

Hai pouco estiven visitando un blog cheo de sereas (nereidas), non lembro como cheguei a el e non tiven a precaución de engadilo nos marcadores pero fíxome lembrar que nunca trouxera á Selva o doce canto das fermosas tentacións mariñas.

Edward Burn Jones: As profundidades do mar (1887).
Cáenme ben as sereas, aínda que só sexa porque nacen dunha misoxinia evidente e dóeme ver como se condena a todas elas sen clemencia, como á Maruxaina de San Cibrao. 

Ninguén pode contemplar a posibilidade de que algún mariño morrese feliz no seu sucumbir ao doce canto?

2010/08/05

15 días contigo



Esta é Isabel (Isabel Ampudia), ou Isabelita, unha muller sen nada e con ganas de todo.



Ten un amigo, chámase Rufo (Sebastián Haro), ao que é capaz de querer tal como é.




E tamén ten un cubo, a súa ferramenta de traballo para sobrevivir.
Pero o que a fai diferente é que non se rende e non renuncia a saír do mundo dos invisibles nin á felicididade aínda que sexa metida nun cubo camiño do campo.
Este filme fainos remover, é tenro, fermoso e ao mesmo tempo incómodo, desacóuganos, violéntanos oír nas palabras de Isabel todo aquilo que ela envexa e do que nos gozamos sen nos decatar. Fáisenos incómodo sentir que hai moitas "normalidades", sentilo que non sabelo, que saber xa o sabemos, pero dóenos sentir que a súa non pode entrar nun cine se non é de balde mentres nos baixamos no portátil para o disco externo o ripeado que toca.






Para non perderse esta primeira longametraxe de Jesús Ponce. 


15 días contigo (2005)
Clasificación selvática: 8 (Tes que vela)

2010/08/03

Campaña de animación á lectura 68

Fotografía de Guy Bourdin.

Atópote na viñeta.
Por fin chega a pista que agardaba despois de dous meses sen saber nada de ti.
E seguimos xogando ás agachadas.