Páxinas

2009/04/23

Acumúlanse os mortos nas fotos


Pasa a vida. Pasoulle a vida. Pásame a vida. Nótoo. Anúncianmo os mortos. Multiplícanse. Acumúlanse os mortos nas fotos.

Que bonito cando eramos todos!
Cando fomos todos?
Creo que na voda de N.
Non, alí non, na voda de N. xa estaba de loito M. E polo bautizo do meu primo M.?
Non, non, non lembras a foto da túa tía embarazada de loito? Que peniña daba vela, tan nova, embarazada e de loito polo irmán, con aquel vestido de alivio negro coas florciñas brancas. Iso fora un atraso, non me digas, por moito que se lle meta no corno a teus pais. O do loito xa daquela estaba pasado de moda, pero teus avós turraron e turraron e ala, as tres fillas de loito. Ti sempre te pareciches moito a N. xa o dicía todo o mundo cando íades no autobús.
Pois pola miña comuñón xa...
Si, na túa comuñón xa... Espera, xa sei, na voda de teus pais, alí estabamos todos na foto.
Pero si eu non nacera!
Pois filliña, non che sei.
Eu si, nun nadal, cando viñeran meus pais de Suíza, na casa dos avós, espera que bote contas, tería eu cinco anos, en 1974, xusto.
Si, filla, si, tes razón, daquela estivemos todos. Pero non hai foto, non?
Non, non hai foto.

2 comentários:

Manel Vázquez disse...

eu veño reflexionando sobre o mesmo dende a morte de Mari Trini

X disse...

Saúdos Manel Vázquez, aínda que máis tarde do que debería, doulle a benvida á Selva.