Páxinas

2008/07/18

Lembranza ou ensoñación

Non sei se foi lembranza ou ensoñación o que provocou o lategazo dentro ao ver o xogo de olladas entre o baile, seguindo o ritmo e alleos a todo, tan morenos, tan insinuantes, tan prometedores... E eu convertida nunha voyeur por culpa desta lembranza túa que non teño.

2008/07/09

H.

Hoxe miña sobriña cumpriu seis anos.
A fortuna non foi benévola con ela.
Dous nenos nun baño. Un berro estarrecedor, un pai correndo, un Meu Deus! e un silencio eterno. Unha nai tentando marcar un número telefónico, a nena berrando, avós histéricos e en cuestións de segundos unha conversa relaxada derivara nunha manada de adultos entolecidos. Un accidente doméstico, un maldito despiste entre nenos, rematou con ela nun quirófano onde un cirurxián plástico tentaba salvar unha falanxe dun dos seus dediños miúdos.
Parabéns no teu aniversario querida H., ata hoxe non me dera conta de canto te quero.