Páxinas

2006/12/31

Beixos

Este post leva dous meses gardado como borrador agardando este día para se converter no meu agasallo de fin de ano para vostedes, para todos os que me teñen acompañado desde que fai sete meses principiara a aventura deste blog e para os que sigo desde hai tempo.
O meu presente hoxe é a visión dun dos fragmentos de cine máis queridos para min, pertencente ao filme Nuovo Cinema Paradiso. Trátase dun fermoso agasallo, que o rapaz Toto, xa convertido nun Salvatore adulto, recibe como herdanza do seu amigo Fredo (Alfredo). Consiste nunha montaxe dos bicos e imaxes censuradas que Fredo fora gardando ao longo dos anos e que recibe agora cando o seu amigo está morto, e todo isto na atmosfera da belísima banda sonora de Ennio Morricone e Andrea Morricone.
Deséxolles un novo ano cheo de furacáns, tormentas e brisas de beixos.
Sempre súa.
X

2006/12/30

Mudanzas

Coa entrada do novo ano penso facer algúns cambios, para comezar a fotografía do meu perfil deixa de apropiarse dunha imaxe allea e amosa unha propia, trátase dunha paisaxe que un día calquera atopei paseando.

Xogo de Nadal

Entre roldas de prensa presidenciais e especiais sobre o executado déixome levar da man do indeciso Klaus Gade polas rúas de Odense e remato Os meses que compartimos. Lembro que tiña intención de dar conta neste blog do xogo proposto por Náufrago para este Nadal, e que me trae a mal traer, e case se me pasa. Por certo, resúltame curioso que haxa tantos resultados coincidentes entre os participantes.

Sadam Hussein

A quen beneficia esta execución?

Fin da tregua?

22/03-30/12
Que pouco duran as cousas boas.

2006/12/29

Extravíos

Xa se sabe, nestas datas, con tanto tráfico de mercadorías dun lugar para outro é doado que se extravíe algún paquete. Tarde e no medio de envoltorios insospeitados, chegou o meu agasallo de Papá Noel, mágoa non poder compartilo.

Areia sonora 1.1

Escoita a súa nova areia sonora.

2006/12/26

Elfos

Estes días circulan polos correos electrónicos moitos elfos personalizados grazas á páxina Elf Yourself. Neste enderezo podes converter a calquera coñecido ou descoñecido nun simpático elfo que realiza graciosos movementos e ata lle podes poñer a túa voz (previo pago). Como comprenderán, non me puiden resistir a probar o invento.

Agasallos III: Apple

Outra opción interesante é recorrer a algún dos detalliños de Apple.

2006/12/24

Boas Festas

X
fai
esta árbore
para ti que estás
aí lendo sen amosarte
e para todos os habitantes que
enchen de vida a Selva de Esmelle:
A Randeeira Alejandro Fedorento Alfama
Alicia Almiral Anónimo Arín Aultre Narai
Bandini Beluca Bonnie Parker Brétemas Mendinho
Cazador Claraflor David Depósito Desorde Elianinha
Falcatruada Fisiologus Folerpa From Hell Fuji Ghanito
Homedareia Ictioscopio Incitatus Kami Kaplan Kasandra
La queue bleue Larvós Lauridinha Leco Licaón Lúa MacLapfer
Manuel Rivas Mariano Grueiro Marinha de Allegue María Meighinha
Mividacomounchino Moralla Moucho Branco Mrs. Doley Muralla
Náufrago Nes Nh Nhusko Noa O levantador de minas Oko Paideleo
Peke Pepe Pike TWB Pirata Vermelho Pito Pito de galinheiro
Pés de naufragha R.R. Ra
Raiko ● SZ
Rosa Velenosa
Sara Jess ● Suevo ● Tinúviel ● Tongzi ● Torredebabel ● Torreira ● torrelodones84
Ursula ● Uz ● Veloso ● Vixía no centeo ● Xabier DoCampo ● Zarck
BOAS FESTAS

2006/12/21

O movemento usuario lalala

Copio e pego outra boa idea ofrecida por Leco.
“Seguro que vos pasou máis dunha vez. Despois dun bo tempo a procurares algo en Google, chegas por fin a unha web que parece ter exactamente o que buscas: un fondo de pantalla, unha fotografía en alta resolución pero oh sorpresa! só está dispoñíbel a descarga para usuarios rexistrados! Sen embargo, na web anímannos dicindo “o rexistro é gratuíto e só che levará uns minutos”.
A pregunta é: se é gratuíto, e por tanto todo o mundo ten acceso ao mesmo, para que me fas perder uns minutos do meu tempo reenchendo un parvo formulario? para recompilar enderezos de email?
Teño un amigo que adoita rexistrarse neste tipo de webs utilizando sempre o mesmo identificador do usuario e a mesmo contrasinal: “lalala”. Grazas a isto, cada vez que chego a algunha web que exixe rexistro, probo a usar ditas claves para ver se o meu amigo creou unha conta antes, co conseguinte aforro de tempo que isto me supón. Co tempo convertemos este uso dunha conta compartida nunha practica habitual.
A sorpresa veu cando ambos descubrimos que esta práctica tamén funciona en webs en que ningún dos dous nos rexistraramos previamente (polo tanto, hai máis xente que usa dito identificador do usuario). Así que pregúntome por que non, aproveitando as posibilidades virais de internet, converter esta práctica en algo global?
Con este pensamento en mente, nace o movemento que bauticei como usuario lalala. Dito movemento pretende estender o uso deste identificador do usuario e contrasinal en todas as webs onde faga falta rexistro. Así, se chegas a unha web que solicite rexistro, poderás probar a usar dita conta. E se non funciona, o que debes facer é rexistrar ti mesmo dito identificador do usuario e contrasinal para que, a próxima vez que alguén chegue á web e teña o mesmo problema, o atope resolto.
Por que usamos “lalala”? Por dúas razóns. A primeira e fundamental, porque é fácil de lembrar. A segunda é porque ten seis carácteres, que é a lonxitude mínima necesaria que exixen moitos formularios de inscrición. Para iso estableceremos unha serie de
Pautas do movemento:
Promover a creación dunha conta cos seguintes datos:
identificador do usuario: lalala
contrasinal: lalala
en todas as webs e foros de rexistro gratuíto, de xeito que, ao ser coñecidas por todo o mundo, dita conta poida ser usada por calquera usuario que non desexe perder o tempo en rexistrarse.
No caso de que a clave de acceso deba ser distinta do nome, ou teña que conter números por seguridade, utilizaremos:
identificador do usuario: lalala
contrasinal: lalala99
E xa está. Lembrando estas dúas combinacións, deberiamos poder acceder a calquera web de rexistro gratuíto (se alguén creou a conta antes) e se non, como xa dixen, debemos creala nós, contribuíndo así ao movemento. Sinxelo, verdade? pois anímate a difundilo!”

RSS

Desde hai un par de semanas utilizo o lector de fontes do Explorer 7 e por algún erro que por suposto non entendo, de cando en vez atópome con anacos do seu pasado que releo como se fose a primeira vez. É un xogo divertido, espero que dure.

2006/12/18

Exceso de ego

Fai dúas semanas ou así tiven un día deses con ganas de facer cousas totalmente diferentes. Entre outras cousas acabei apuntada nun concurso de blogs un pouco por exceso de ego e outro pouco por curiosidade. Agora desinscribinme, afortunadamente hai cousas que si teñen volta atrás. Que por que o fixen? Porque non soportaría ter poucos votos, por suposto.

Agasallos I: Joe Boxer

Para non agobiarnos co dos agasallos de Nadal vou ir colgando algunhas ideas.

2006/12/17

2006/12/14

É curioso, primeiro souben dela, e logo souben que era ela. Pagaron a pena a camiñata e os beizos mourados da friaxe, xa teño a súa última obra nas miñas mans.

Saudade/Chuvia


Esta saudade/chuvia diante dos ollos fai difícil o camiño.
[Fotografía de X]

2006/12/09

Jerome Murat

Despois de días sen actividade blogueira tiña pensado escribir un post sobre as pontes, as vacacións e as ausencias, mais unha recente e pracenteira visita a Brétemas fíxome cambiar de opinión e volvo con arte. Espero que gocen coa actuación do señor Jerome Murat tanto como o fixen eu.

Vía Brétemas.

2006/12/04

O vento

Lévame o vento.
Os okupas segundo uns fanse co que é de
todos e, segundo outros, co que non é deles.
Lévame o vento.
[Ilustración de Horacio Gatto: Remolino]