Páxinas

2007/06/30

2007/06/29

2007/06/27

Solsticio de verán

Non saltei o lume de San Xoán, non catei a flor da auga, nin sequera tiven ramo na casa, aínda así, queimei o que tiña de ser queimado e en segredo pronunciei o meu desexo para o vindeiro ano.
Tras o solsticio de verán volto á Selva que me ten atrapada, a este acubillo de tempo propio.
Grazas a tod@s polos seus comentarios, algúns aínda me fixeron rir un anaco, abofé que si.
PD: Botábaos en falta.
[Fotografía de X]

2007/06/09

Zootropo

Aínda que no fondo iso remataría con calquera resto de interese pola miña parte, teño que recoñecer que ás veces desexaría que te moveses á velocidade que eu marco.
[Por certo, sempre quixen ter un zootropo, paréceme un obxecto encantador.]

2007/06/06

Círculos e espirais


Debuxo círculos concéntricos e espirais para que te perdas en min.

O pulverizador II


A primeira hora chamaron do teléfono do cliente da marca do perfume. Unha voz aguda e menos agradable que a de onte á tarde comunicoume que xa falaran coa empresa que lles fai os perfumes e que lles confirmaran a existencia dunha partida con problemas nos pulverizadores, que a retiraran do mercado pero que fora imposible localizalos todos, etc. A voz aguda e neutramente cordial díxome que conserve o frasco e nun prazo máximo de quince días a outra empresa que xa ten os meus datos se ha de poñer en contacto comigo para tramitar a devolución. Para que logo digan que non funcionan ese tipo de servizos.
Falando de perfumes, teño un compañeiro de traballo que usa un perfume que provoca en min inconscientes lembranzas, por máis que o intento cada vez que cruzo con el non dou co nome da fragrancia e el, coqueto, négase a dicirmo.
Esta mañá tiven a sorte de poder determe diante da beleza durante uns minutos, aproveiteinos, prestoume, iso si, eu sen cámara non bolso.
Cando entrei no coche o volante queimaba, tiven que ir conducindo coas puntiñas dos dedos.
Outro gracioso pegou, ao carón da pegatina da tenda de decoración, outra, desta volta dun servizo de cerralleiros/fontaneiros/electricistas de 24 horas para urxencias. Danme ganas de chamalos. Urxente é, ponme mala vela alí. Podería marcar eses numeriños en negro sobre verde fluorescente e cando cheguen poñerlles na man un algodón enchoupado en alcol e ala, que limpen. Como isto siga así a porta dos contadores vaise transformar nunha colaxe cutre.
En canto ao de ELOS, o atentísimo e aplicadísimo Torreira xa se encargou de que se convertese nunha cuita menos.
En fin, o de ETA, se mo permiten, creo que me vai levar algo máis dun día arranxalo.
Fóra diso, comprei galletas de chocolate negro.