Fotografía de X. |
No cinceiro dúas cabichas impacientes
agardaban por nós.
A cervexa estaba ben fresca e un fío
de escuma mantívose un intre no teu beizo tentando desexos doutrora,
pensei que só eran os efectos secundarios predicibles de coñecerse
nunha mañá de verán. Matei a ansiedade/desexo cos cacahuetes
salgados que me deron máis sede (de ti). E mireite falar como se
levásemos anos facéndoo, e sei que eu tamén falei pero diso non me
lembro, andaba demasiado ocupada en querer reter(te) todo. Aínda non
me dera tempo de rematar a tónica cando ti xa te ergueras e
camiñabas con présa cara ao coche como querendo fuxir desta
lembranza que non é nosa, do bar no que non estivemos e deste rastro
que nunca deixamos.