Páxinas

2011/01/12

De blogues e redes sociais


Un blogueiro activo, que cumpre hoxe catro xaneiros e ao que felicitamos desde a Selva, quéixase de como outros formatos máis áxiles o afastan do costume de alimentar a súa páxina. 
As redes acabarán cos blogs? Quen sabe, probablemente si, de feito, xa o están facendo. Os blogs reséntense e ven impasibles como os comentarios doutrora xa non se producen neles senón nas redes sociais, isto amola, vaia que se amola! 
Era divertido ler posts atrasados cos seus comentarios e mesmo achegarte silandeira e atopar as túas letras onde nin sequera lembrabas ter estado. Agora todo desaparece cara abaixo coma se fose cara ao inferno neses muros deslizables sen fin polos que se perden as nosas liñas. 
Xa nin sequera paseamos polos espazos amigos, sindicados, abonda con entrar no noso lector para estar ao día das novidades. Elas, as redes sociais, apostan pola velocidade canto máis vertixinosa mellor e os blogs pola permanencia e, nos menos dos casos, pola reflexión demorada. Supoño que os blogs existirán mentres se manteñan as dúas necesidades e non caiba todo nos 140 caracteres dun tuit. E cando así sexa, desde a ventá do pazo, deámoslle a benvida á locomotora dos novos tempos.

2011/01/11

Papel e lazos




Xa dicía algún paseante da Selva que non había ser capaz de resistir a tentación, pois si, acertou. Perfumes atraentes de esencias intanxibles, libros interesantes, programas adictivos, prendas diversas de se poñer e quitar, complementos varios, cremas milagreiras para evitar o inevitable e mesmo un cefalópodo hortera acabaron pasando pola miña casa, algúns só para permanecer agardando a visita real e outros na procura de papel e lazos que os fixesen máis atractivos no camiño deses tobos  onde han atopar mellor destino.
Sucumbir, sucumbín, mais foi pracenteiramente, e iso, queridos paseantes,  seguro que ten algún tipo de bonificación celestial.