Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta Blogueiras/os. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Blogueiras/os. Amosar todas as publicacións

2011/12/01

Llenaba de humo el paraíso perdido


Hai un tempiño Bandini publicaba isto: 
"También me apetece comprar un jersey de cuello alto y volver a fumar en pipa, como cuando tenía veinte y llenaba de humo el paraíso perdido"

Dende aquela levaba aquí gardado en borrador e de cando en cando volvía a estas poucas palabras e cada vez me traían máis o sabor da melancolía dese paraíso perdido. Volvía a gardalo esperando que algún día se me ocorrese algo digno delas para sacalas de paseo pola Selva, pero despois de tanto tempo, apetéceme compartilas sen máis.
Porque resulta que hoxe sinto saudade e quero compartir a beleza e lembro aquela tarde en que me ensinaches a diferenza entre tres tipos de tabaco de pipa naquel laboratorio caseiro en que converteras o teu armario cheo de botes herméticos e latas e panos cos que coidadosamente acariñabas e lustrabas cada unha das pipas da túa colección. Aínda me pregunto que mans lle terían dado forma a aquela bela pipa de escuma de mar turca, pero a miña favorita sempre foi a Savinelli. Non cha aceptei cando ma quixeches regalar porque sabía que era especial para ti e, sabendo que fixen ben, lamento non tela comigo.  E lémbrome na butaca coas pernas colgando, a música no tocadiscos e o fume da túa pipa cruzando o aire por riba da miña vista en formas que ti inventabas para que eu tivese que improvisar historias.
Lembro o olor penetrante, o do tabaco, e o teu.

2011/09/27

Sunshine Award para a Selva 2 de 2

Quero agradecer de novo o premio Sunshine Award que lle foi concedido á Selva polos blogs Revolta da Freixa, Reincidente e A cova do raposo e como corresponde decido darlle o premio desde a Selva aos seguintes blogs ordenados alfabeticamente (quedan excluídos os que me concederon o premio). Polo demais vou premiar aqueles que me aluman aínda que xa outros lles concedesen o premio previamente.

A conta da caperucita nunca bate certo


Anoche soñé que había vuelto a...


Calidonia


Chove en ningures


Dor na retina


Gradicela

Neobestiario


Outras lerias


Pés espidos


Vadeorosa


2011/03/16

WANTED


Búscase Robinson dunha illa na que sempre se estaba ben e que quedou deserta no medio da Selva.
Tamén atende ao nome de Kaplan.
Visto por última vez o 14/03/2011.
Agradecerase calquera tipo de información.
Non se establece tipo ningún de recompensa por respecto á vontade do desaparecido.
Se le esta mensaxe, volva!

2010/10/27

Parabéns para Francisco Castro

O señor Francisco Castro ingresa hoxe no club do número máxico para un home, os 44, desde a Selva todos os parabéns e o desexo de que goce deles plenamente.
Para os demais, unha recomendación, léano, nos seus libros, no seu blog, onde o atopen, léano e tamén gozarán.

A REVISTA RETRANCA "SECUESTRADA" POLA IMPRENTA


Reproduzo a nota de prensa publicada no blog da revista, envíolles a miña solidariedade ante semellante atropelo da liberdade de opinión.

A revista Retranca, especial visita do Papa, secuestrada pola imprenta
O número da revista Retranca que estaba a piques de saír, que tiña como tema central a próxima visita do Papa a Galicia, acaba de ser secuestrado pola imprenta. Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma.
Nunha conversa telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono de Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo “co ataque ao Papa e á Igrexa”. É a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato de por medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa disconformidade cos contidos da mesma. Retranca deixa claro que foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política.
Desde Retranca queremos tranquilizar aos nosos lectores anunciando que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve.
Tamén queremos facer público que estamos tratando cos nosos avogados para tomar medidas contra os danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato da Imprenta Jiménez Godoy.
Retranca é unha revista galega de humor satírico que leva nos quioscos desde o ano 2007 e que o vindeiro sábado día 30 de outubro celebrará o seu terceiro aniversario cun acto no Café Moderno de Pontevedra ás 20.00 horas. Retranca, a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións, recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada.
O número era un especial sobre a visita do Papa a Galicia, e conta como autores invitados a colaboradores de la revista EL JUEVES (Jordi March, Guillermo, Manuel Bartual , Fer e Bernardo Vergara) ademais dos colaboradores habituais da revista.
Contacto Kiko Da Silva
revista.retranca@gmail.com

2010/02/23

Amores eternos

Na cova do raposo atopo esta imaxe, unha canción de Sabina e unha cita de Alvite sobre o amor e a eternidade, e a min ocórreseme:

“Nada é para sempre e unha historia de amor só é eterna...
cando a morte a parte no seu clímax
ou
cando nunca foi consumada.”


*Pensen, pensen... nas grandes historias de amor do cine.

2009/02/09

Os meus 3 primeiros pasos no mundo Facebook

Si, abrín conta no Facebook.
1º PASO: Nesta colectividade paralela podes atopar a boa parte do blogomillo e sorprenderte moito ao ver que te coñecen persoas das que ti ignorabas a súa existencia.
2º PASO: As reaccións:
1) Xa me tardaba vela por aquí.
2) Por fin chegas.
3) Xa sabía eu que ía picar no fedello este.
etc.
3º PASO: Isto fomenta o cotilleo, quen é amigo de quen, quen está en que grupos, etc.

2008/12/12

Un tipo xenial

Vía Calidonia chego a Un tipo xenial é un filme agradable, deses que mitifican os universos perdidos preindustriais, os grupos sociais pequenos rexidos pola harmonía dos tempos idos. Gustoume, mais que polo seu valor en si mesmo, polas lembranzas que me provocou doutros filmes que me resultaran máis pracenteiros.
Clasificación selvática: 6 (Veña, si, por haches, por bes ou por cetas, si).

2008/11/20

Un matón calquera

[Imaxe de aquí]

Pasas as horas e os días diante da pantalla, esquéceste do mundo, non pestanexas, agardas a que un matón calquera se despiste e che poña o canón da pistola nas tempas, mentres, confórmaste con balas de viño nos miolos.

2008/11/05

Cea Homenaxe a Marcos Valcárcel

CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL
SÁBADO, 29 de NOVEMBRO de 2008, ás 21:00 horas
Ourense, Restaurante San Miguel

Intevirán persoas representativas da cultura galega de todo o país e amigos do homenaxeado.

César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

Para máis información e reservas: homenaxeamarcos@gmail.com

2008/08/21

Peke

Estaba eu gozando do tempo demorado do verán na ágora de dornacity cando diante miña vexo a súa caluga, si, si, sen dúbida ningunha, esa caluga só podía ser de Peke. E nisto que me decido, que non me decido, que ao final vai que si e presenteime.
Parolei con ela e con B que chegou logo e acariñei a Dona que está feita unha campiona e aínda é máis fermosa que nas fotos. Resultou como se nos coñecésemos desde había moito tempo. Alégrame saber que haberá máis veces e que unha delas será con té branco, que non me conformo con menos :)
Agora chegaron as chuvias e aínda gardo o gusto dos sorrisos da mañá.

2008/06/18

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

2008/05/29

Aniversario e premio

[Fotografía de X]

Hoxe voulles falar dunha feliz coincidencia. Tal día coma hoxe de fai exactamente dous anos dei na rede co tobo do señor Kaplan de casualidade, o lugar común foi Ithaca, eu buscaba outra e fun dar á súa. Daquela só sabía que había algo chamado blog que comezaba a ter algunha xente desa que aparece nos papeis, e por suposto ignoraba por completo que existise algo chamado blogomillo.
O caso é que podo dicir que ese afortunado feito cambiou a miña vida, ou cando menos os hábitos e a forma de rexistrar os meus propios tempos vitais. A súa páxina converteuse nunha ponte perfecta para dar con moitas outras que se habían facer lugares de visita cotiá. Descubrín novas formas de información, en moitas ocasións o acceso directo ás fontes, tamén un xeito diferente de achegarme á vida cultural galega deste un punto de vista máis amplo.
Pero ademais de todo isto dei con moitas visións persoais de como a vida se nos pasa, que ao final, son as que con máis forza me reteñen neste medio porque me asombran e iso me fai pensar, e logo aprendo, e ese proceso de aprendizaxe é realmente cativador.
Como acontece nas relacións sentimentais longas, ás veces boto de menos a emoción daqueles tres primeiros días en que todo era novo, pero aquí sigo, e con poucas ganas de marchar.
O que desde logo eu non podía imaxinar daquela é que o autor da web que acababa de descubrir dous anos despois me concedese un premio, pero iso é xa outra historia.

2008/05/24

Moru

Acabo de enterarme da NOTICIA e non podo facer outra cousa que vir á Selva a contalo. Moru xa está aquí e Ghanito e a señora Colombo son pais. El emocionado, ela emocionada e desfeita logo dun parto longuísimo, a menina preciosa. Parabéns a toda a familia desde a Selva.

2008/05/21

Lars and the Real Girl

Non vexas Lars and the Real Girl se es dos que cre que unha boneca non pode ter vida.
Luís Galego contáo moito mellor do que o podería facer eu.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

2008/05/14

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

2008/04/17

Enjut@ Mojamut@

Chégame un convite do señor Kaplan de responder ao seguinte meme. Fágoo ipso facto:
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Máis das que debería, digamos que hai días en que o ordenador non se apaga.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Máis de dez: 3 do blog (gmail, yahoo, flickr), a de yahoo, dúas do traballo e unhas cantas que foron xurdindo.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Teño conta en algunha pero non uso ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blog, con diferenza, aínda que moitas veces se me queda curto. Realmente gustaríame saber deseñar páxinas web para poder utilizar doutra forma letra, son, imaxe, vídeo... Gústame moito o flickr, tanto para colgar fotos miñas como para navegar polas alleas. Un dos meus pasatempos preferidos é o paseo por imaxes na rede, gústame procurar as imaxes precisas para cada post aínda que a maioría das veces non aparece aquela concreta que tes na cabeza acabas dando con algunha que se achega.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Coñezo persoalmente a varios, aínda que el@s non saiban quen son eu. Logo teño compartido espazo común con bastantes máis nas mesmas condicións.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@> Realmente volvinme unha adicta aos blogs, sigo diariamente uns dez, semanalmente uns vinte e no meu lector de sementes conviven máis de cen.
Quen guste das preguntas que siga o meme e deixe recado.