Páxinas

2006/08/31

Haiku IV


O email esta vez nin sequera traía o arquivo adxunto, nada máis abrilo podíase ver a foto co haiku IV cruzando de ombro a ombro por diante da gorxa.

pincel pousado
lección de contención
teu arrecendo

As estrelas que morren


Desde onte os dous protagonistas desta publicidade da película Gilda están mortos.
Farei unha homenaxe para eles e para min e volvereina ver hoxe.

*Música por cortesía de Alfama.
[Rita Hayworth: Amado mío]

powered by ODEO

2006/08/30

OhMiBod

Everyone loves music. Everyone loves sex.
O xoguetiño é o último berro en acsexsorios para o iPod. Este aparello de lecer conéctase ao iPod e vibra co ritmo e intensidade da música que se escoite. Xa non se pode dicir que un non sabe que regalar e que xa está todo moi visto.

Xeografía Galega IX: As terras da Limia e Monterrei

Colgo o noveno capítulo da serie documental que ofrece de balde a canle de televisión do portal Cultura Galega.

Xeografía Galega VIII: As terras do arco fisterrán

Colgo o oitavo capítulo da serie documental que ofrece de balde a canle de televisión do portal Cultura Galega.

PITO+X


SOBE QUE SOBE

De bar em bar
De rua em rua
Respira o ar
A rua é tua

Sobe que sobe
Uma mulher
Veste de robe
Como ela quer

De bar en bar
Tanto lle ten
No seu lar
Non agarda ninguén

Sobe que sobe
Séntese núa
Sempre volve
A saudade súa

Haiku III

Outro envío trouxo o haiku III que segue a curva do meu ombro dereito

non doutro xeito
cegos ollos xuíces
rendida a min
[Brian Eno, BSO The Pillow Book: Blonde]

powered by ODEO

2006/08/29

Caneiro baixa


Veloso vén de publiciar un post titulado La estupidez avanza sobre o feito de que Xosé Carlos Caneiro estea a publicar en castelán como columnista en La Voz de Galicia. Tanto el (aínda que se fose así eu creo que non tería feito o post) coma paideleo e nemeth inciden na pouca importancia do feito e amósanse para o meu gusto bastante comprensivos co tema. Confeso que xa estou un tanto farta de tanta relaxación e de tanto bilingüismo harmónico todo vale.

Caneiro sobe

Por xenerosidade autorial xa temos na rede de balde tres dos temas do traballo de Xosé Carlos Caneiro De bar en bar (Os poemas prohibidos), unha mostra apetecible dos vintedous textos dos que se compón a obra. Neste labor acompáñano Xosé Manuel Salgado (guitarra) e Manolo Garrido (frauta).

[Xosé Carlos Caneiro, De bar en bar: As flores entre a herba]

powered by ODEO

11 Letras de novo

Sabía que volverías aparecer aínda que te agardaba xa antes.

2006/08/28

Haiku II

A seguinte foto contén o haiku II que sobe polo meu brazo dereito desde o pulso...

papiro vivo
pauta túas veas da
caligrafía

Plutón e Nós

Pawley ten atopado a consideración exacta da nación galega, vexan o seu post Dwarf nation.

Haiku I

A primeira foto contén o haiku I que parte da miña man dereita...
libro vivinte
folla nova teu corpo
para o meu pracer


Haiku 0



Fai dezasete días que comezaron a chegar as mensaxes, agora, cando xa ficaba lonxe o tempo en que voltaras de ver The Pillow Book na city.
Cada correo electrónico só contén un arquivo cunha foto dun dos haikus que escribiches ao longo daquelas noites, os poemas que ata hoxe me estivera prohibido ler.
[Brian Eno, BSO The Pillow Book: Blonde]

powered by ODEO

2006/08/26

Burato no tempo


A outra noite tocou A casa do lago, realmente o único interesante do filme, ademais da propia casa de cristal sobre a auga, foi a posibilidade da existencia de buratos ou curvaturas na dimensión temporal.
Talvez ti e mais eu nos atopemos un destes anos nun mes de novembro.

Por que te quero? III



Porque son a envexa de todas as miñas amizades que desexarían ocupar o meu lugar ao teu carón e coñecer aos teus amigos importantes de olladas entre a golosía e a censura. Seguro que hai dez anos nin te miraban pero, agora que as mechas cobren as canas e os lentes de Richmond as enrugas, resultas interesante. É un gustazo que estean todo o día a dicirme a sorte que teño, porque a teño, non si?

Por que te quero? II


Porque me sinto fascinad@ pola túa posición económica, a roupa, o coche, a casa, o apartamento en Sanxenxo, os hoteis aos que me levas, os agasallos que me fas, os caprichos que me cumpres. A túa sinatura nun papeliño e os números do meu alugueiro dun curso en Santiago transfórmanse nun televisor no que as nosas pelis porno case se ven a tamaño real. Adoro todo iso que forma parte de ti, non, non son os teus cartos, é a marabillosa forma en que os gastas, así, tan sen se notar.

2006/08/25

Segredo

"creo que guarda un jugoso secreto entre las piernas que de vez en cuando comparte y a menudo disfruta" (Fisiologus)

[Fotografía
Chris Stambaugh]

Un, dous, tres

Para os que nunca tivemos a oportunidade de vela, ou para os que queiran repetir, hoxe Un, dous, tres, en cuatro, ás 02.15.

Enfronte, o océano

Hai un obelisco que mira o océano, chantado nun piar de formigón.

O vento empúrrate contra el, a min, contra ti.

[Fotografías de X]

[BSO: Ondas do mar contra as rochas]

powered by ODEO

2006/08/24

Por que te quero? I

Desorde publicaba onte un post sobre o atractivo do poder no que criticaba a un home por andar cunha muller vinte anos máis nova ca el baseándose en que esa relación se establecía grazas á situación de poder del. Ao final, Desorde agradecía ser un home sen poder. Logo nos comentarios Oko criticaba á rapaza por ser parva e carecer de escrúpulos. Non creo que unha rapaza nova e fermosa necesariamente teña que ser parva e sen escrúpulos para estar cun home maior ca ela (aínda que teña poder). A min sempre me gustaron e non o son. É tan lexítimo atraer a alguén pola forma de falar como pola posición que un teña sempre e cando non se produza abuso ningún entre adultos ou é que habemos de volver ao de que os vellos non deben namorarse.
[Figurade Isabel, unha artesá de Minas Gerais, titulada Casal sentado]

2006/08/22

Despoboamento

O campo non produce, temos que facer do monte algo produtivo, non poden vivir nas aldeas só vellos, etc. Estas argumentacións case sempre aparecen na boca de persoas que viven nas cidades ou en urbanizacións nas súas proximidades, tanto ten. O caso é que ese rural cada vez máis despoboado (aínda que menos do que imaxinamos), xera moitos postos de traballo para persoas que despois non reinvisten nese medio, os funcionarios son un exemplo claro desta práctica. A nosa xeografía está chea de pequenas vilas con policías, médicos, profesores, auxiliares, xuíces (en menos casos), etc. que viven dese medio mais residen nas urbes. Todos eses traballadores se benefician dunha poboación que xustifica a existencia do seu posto de traballo mais a renda resultado da súa actividade non se reinviste onde se orixina. Ás veces é un círculo vicioso pechado no que un non vai para a vila porque non ten servizos e a vila non pode ofrecer servizos porque non ten poboación abonda para facelos rendibles. Vexamos exemplos prácticos, a inmensa maioría de funcionarios que traballan nos concellos existentes entre Lugo e Santiago viven nunha de ambas as dúas cidades, se traballan entre Santiago e Melide viven en Santiago, se traballan entre Lugo e Melide viven en Lugo, os que traballan en Melide repártense. Se imos cara ao norte vemos como funcionarios da Fonsagrada viven tamén na capital lucense de forma que podemos cruzar a provincia sen residir fóra da cidade. E todo isto sen reparar no gasto económico e enerxético que supoñen os milleiros de desprazamentos diarios ou na marabillosa fonte de especulación que orixina a concentración da poboación. Pensemos no modelo de país que queremos e pensemos tamén no prezo que estamos dispostos a pagar non só como sociedade senón tamén a nivel persoal.

2006/08/21

A roda


O calendario manda, imponse a volta ao mundo produtivo, hai que volver facer xirar a roda e reservar para a actividade cerebral marxinal e paralela o que tiña de ser central e prioritario.

[Fotografía Man Ray: Erotique Voilée, 1933]

Desagradables sorpresas

Na máis grande ría, na de Arousa, na Pobra, na do Caramiñal, o sitio estaba ben, o garfo e o pano de mesa viñan en paquetes individuais esterilizados, a louza decorada, a comida convidaba a repetir, o trato moi bo pero... ninguén podería imaxinar que tras aquela porta verde que conducía aos servizos habería outra igualmente verde que levaba aos homes (os propietarios deben pensar que o xénero masculino é porco de seu) a esta desagradable sorpresa:

Cando aquel home saíu deixando a porta aberta e vin tal cousa pensei que diferente era aquilo do novo urinario do Polis.

Contra isto nada poden facer milleiros de campañas de publicidade turística, é unha cuestión básica de sanidade.

Sinto o escatolóxico do post pero non podía publicar o nome do local.

[Fotografía de X]

2006/08/19

Lorca

Federico García Lorca foi fusilado polos fascistas tal día coma hoxe hai 70 anos, na madrugada do 18 ao 19 de agosto xunto ao mestre Dióscoro Galindo e os banderilleiros anarquistas Francisco Galadí e Joaquín Arcollas ante unha vella oliveira coñecida como Aynadamar, fonte das lágrimas, en Víznar (Granada), onde se cre que aínda repousan os seus restos cos dos outros tres compañeiros que correron a mesma sorte.
________________________

"El más terrible de los sentimientos es el sentimiento de tener la esperanza perdida." Federico García Lorca

2006/08/18

2006/08/17

O último

Chego tarde pero xa che dixera que hoxe ía ir ao especialista... nada, que me ía dicir, o de sempre, que a miña asma xa non aguanta nin un máis... lerias de médicos que o único que saben e foderlle a vida a un... si, xa sei que levas dicíndomo...
Non podo deixalo, ti sábelo mellor ca ninguén, non é culpa de falta de vontade, non, a culpa tena ese maldito reflexo da luz de neon sobre a túa pel dourada, así, espida sobre as sandalias negras... o pracer de contemplarte durante un cigarro cada noite tráeme tolo... non preciso máis que esa luz sobre teu corpo gorentoso...
...e agora cariño, ven onda min e pórtate ben... este ha de ser o último, xa sabes, teño que deixalo.

Xeografía Galega V: O Miño Medio

Colgo o quinto capítulo da serie documental que ofrece de balde a canle de televisión do portal Cultura Galega.

O vixilante

O Kiko das Leiras chuza a noticia de que 60% das praias galegas non ten servizo de socorrismo. Incomprensible, eles vixilan todas as tardes na galega con cobertura en todo o territorio.
Mentres...
velaí o tedes, relaxado pero asexante, subido ao seu posto modelo palmeira de deseño minimalista, co seu bañador laranxa disposto a saír a fume de carozo en canto unha modelo de calendario teña a tentación de afogar nos seus brazos. Non, non sae na tele, non cobra en dólares, nin sequera usa lentes de camioneiro hortera, EL é vixilante nunha praia galega.

[Fotografía de X]

2006/08/14

Ceo

Aínda que sexa no último día das vacacións, vese o ceo, ummmm, adoro esta terra, adoro este día e tamén te adoro a ti.

2006/08/13

Preguiza

A noite, longa, o día, preguiceiro.

[Pintura de Johann Reiter: Sleeping woman, 1849]

Glup glup glup


Veño de saber algo que quero compartir por se alguén aínda o ignora. Se escribes un comentario nun blog e o borras, chégalle igual ao propietario da páxina.
Tras esta sorprendente descuberta, en vías de arrepentimento, ando en proceso de me converter nunha badis badis (peixe camaleón) para pasar desapercibida confundida co fondo.

2006/08/12

Reincidencia


Ás veces teimamos no que non debe ser unha e outra vez, deleitándonos no círculo interminable do erro que sabemos debe rematar. Niso pensaba moito o Isidoro de Sevilla: "LLaga repetida sánase más tardía. Nada aprovechan los lamentos, si se repiten los pecados".
Todo vai, nada lle dá a volta a este meu mundo, só queda asumir, xa o dixo Byron moito antes ca min: "Os espiños que me feriron foron producidos polo arbusto que plantei".

Confesión egoísta

O lume cubriu de cinza os meus días de vacacións con amorsenreservas.

[Fotografía de trackrecord]

2006/08/09

Perdición

Se aquela rubia non tivese levado aquela pulseira no nocello...

Se non fose tan parvo de non adiviñar tras os lentes escuros a súa extrema ambición...

Se ti non tiveses tanta confianza en min e puideses sospeitar que te estaba a traizoar...
...non tomaría o camiño da miña perdición.

Caldeiros de impotencia


Ao mellor en vez de facer cursos de punto de cruz, sería máis interesante que a poboación soubese actuar cando arde o monte ao seu redor.
Polo demais, non teño nada interesante que engadir a todo o lido, visto, oído, nin sequera sei diferenciar unha árbore doutra, aínda que a este paso non o vou botar de menos.

2006/08/04

PSB


Si, eu estiven alí, vibrando con estes dous señores británicos que agora se quitan fotos retocadas e se fan cirurxías para tapar o inevitable, con estes dous xenios da miña banda sonora. Pero sempre hai outras visións, Cesare contarállelo ben.