Templo de Zeus Olímpico by Kaplan. |
"Señor, eu non son merecente de que entres no meu fogar,
mais unha palabra túa abonda para me salvar."
De lonxe vén o poder da palabra
Houbo un ser humano que foi coller a fera salvaxe cazada por outro, e este deixoulle facer.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta deixoulle facer.
De lonxe vén o poder da palabra, é un misterio que durante séculos quixeron desvelar os máis sisudos sabios.
En certa ocasión, Apolo decidiu condenar a cidade de Atenas á calor intensa dos seus raios durante un verán. Os sabios decidiron mudarse á quinta de Academo, e durante trinta días xuntáronse nos fermosos xardíns consagrados a Atenea e discutiron ata o solpor sobre cal había de ser a primeira palabra. Esa tarde, atento ao horizonte, un vello ancián tras ver o raio verde dixo: "Queridos compañeiros, estamos errados na nosa procura, nada importa cal foi a primeira verba pronunciada, a palabra verdadeiramente importante e aquela que debemos buscar é a palabra máis poderosa xa que con ela haberemos de ser invencibles". Os seus compañeiros retiráronse aos salóns do pazo de Academo e mentres gozaban doutros praceres dixo outro dos pensadores: "Sen dúbida Zeus, o deus dos deuses, ha de saber cal será esa sucesión máxica de sons, preguntémoslle a el!".
Á mañanciña do día seguinte os tres máis sabios deles foron ao templo de Zeus e despois de lle faceren as honras dixéronlle: "Oh Zeus, deus dos deuses, todopoderoso dende a túa nacencia do ventre de Rea, concédenos saber cal é a máis poderosa das palabras para que no teu nome poidamos dominar os corazóns dos homes e de todos os pobos da terra".
Naquel intre un trono invadiu o ceo e das entrañas da terra coa súa voz poderosa, Zeus dixo: NON.
Ignorantes do agasallo do deus, os sabios volveron canda os seus compañeiros decepcionados polo que eles consideraban a pouca bondade que o deus demostrara á súa petición.
Pobres sabios de Atenas, Zeus agasalláraos coa primeira e máis poderosa de todas as palabras, a única capaz por si soa de mudar radicalmente a realidade.
Houbo un ser humano que foi coller a presa matada por outro ser humano, e este díxolle NON.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este díxolle NON.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e ese díxolle NON.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta díxolle NON.
Por iso agora utilizo eu a máis poderosa das palabras para che dicir: NON marches nunca.