Páxinas

2007/06/27

Solsticio de verán

Non saltei o lume de San Xoán, non catei a flor da auga, nin sequera tiven ramo na casa, aínda así, queimei o que tiña de ser queimado e en segredo pronunciei o meu desexo para o vindeiro ano.
Tras o solsticio de verán volto á Selva que me ten atrapada, a este acubillo de tempo propio.
Grazas a tod@s polos seus comentarios, algúns aínda me fixeron rir un anaco, abofé que si.
PD: Botábaos en falta.
[Fotografía de X]

2007/06/09

Zootropo

Aínda que no fondo iso remataría con calquera resto de interese pola miña parte, teño que recoñecer que ás veces desexaría que te moveses á velocidade que eu marco.
[Por certo, sempre quixen ter un zootropo, paréceme un obxecto encantador.]

2007/06/06

Círculos e espirais


Debuxo círculos concéntricos e espirais para que te perdas en min.

O pulverizador II


A primeira hora chamaron do teléfono do cliente da marca do perfume. Unha voz aguda e menos agradable que a de onte á tarde comunicoume que xa falaran coa empresa que lles fai os perfumes e que lles confirmaran a existencia dunha partida con problemas nos pulverizadores, que a retiraran do mercado pero que fora imposible localizalos todos, etc. A voz aguda e neutramente cordial díxome que conserve o frasco e nun prazo máximo de quince días a outra empresa que xa ten os meus datos se ha de poñer en contacto comigo para tramitar a devolución. Para que logo digan que non funcionan ese tipo de servizos.
Falando de perfumes, teño un compañeiro de traballo que usa un perfume que provoca en min inconscientes lembranzas, por máis que o intento cada vez que cruzo con el non dou co nome da fragrancia e el, coqueto, négase a dicirmo.
Esta mañá tiven a sorte de poder determe diante da beleza durante uns minutos, aproveiteinos, prestoume, iso si, eu sen cámara non bolso.
Cando entrei no coche o volante queimaba, tiven que ir conducindo coas puntiñas dos dedos.
Outro gracioso pegou, ao carón da pegatina da tenda de decoración, outra, desta volta dun servizo de cerralleiros/fontaneiros/electricistas de 24 horas para urxencias. Danme ganas de chamalos. Urxente é, ponme mala vela alí. Podería marcar eses numeriños en negro sobre verde fluorescente e cando cheguen poñerlles na man un algodón enchoupado en alcol e ala, que limpen. Como isto siga así a porta dos contadores vaise transformar nunha colaxe cutre.
En canto ao de ELOS, o atentísimo e aplicadísimo Torreira xa se encargou de que se convertese nunha cuita menos.
En fin, o de ETA, se mo permiten, creo que me vai levar algo máis dun día arranxalo.
Fóra diso, comprei galletas de chocolate negro.

2007/06/05

O pulverizador I

Ao meu frasco de perfume de 100 ml, que vai pola metade, polo tanto, ao que lle quedan 50 ml, se lle estragou o pulverizador, e non vai, e non vai, e non hai que facerlle. Ben, si, algo fixen, chamei ao teléfono do cliente da marca onde me dixeron que se poñerían en contacto co seu subministrador de perfumes para ver que solución lles daba. Porque claro, unha cando merca un perfume non garda o tique ata o día do xuízo por se un día o pulverizador vai e deixa de funcionar, iso si, a proba do crime téñoa.
Un gracioso pegou na porta dos contadores unha pegatina dunha tenda de decoración que non sae, desgraciadamente non trae o teléfono pero se me ocorren un par de sitios chulos para pegarlla.
Pero iso non é nada ao lado do de ELOS, por se alguén non o sabe é un blog colectivo que circula no blogomillo, a súa singularidade consiste en que un post sempre debe comezar pola última oración do post anterior. Xa, non racha coa pana de orixinal pero do que se trata é de participar, non? Pois aí vén a cuestión, o día 29 do mes pasado publiquei un post, e desde aquela non publicou ninguén máis, nin houbo ningún comentario. Tampouco creo eu que sexa para tanto a oración: "E ao final perdemos a perspectiva e acabamos por asasinar ao irmán porque só podemos aturar del que sexa un apático mediocre coma nós." Estareime convertendo nunha asasina de blogs colectivos?
E agora van os de ETA e xa din ás claras que rematan coa tregua, que disque xa estaba rematada, pero se agora é peor daquela rematada de todo de todo non estaba, non si? E van os outros e aproveitan para montala, como cando non estaba rematada, porque como a cousa é montala, pois se monta, e aínda por riba hai que oílos.
Fóra diso, comín as dúas galletas de chocolate negro que me quedaban.

2007/06/03

Campaña de animación á lectura 22

Hai pouco máis dun mes un contador de historias imprescindible e amigo desta Selva, Xabier Docampo, a quen lle dou as grazas, agasalloume cunhas fotografías, unhas liñas e un nome para a Campaña de animación á lectura. De aí naceu esta Leonor de Aquitania que gardei para que fose o post número 500 deste blog. Leonor de Aquitania (1122-1204), a chamada raíña dos trobadores, foi musa de trobadores e bardos bretóns ademais de compoñer ela mesma algunhas obras, para algúns esta muller vai ser a responsable de que a historia do Ciclo artúrico e griálico sexa tal e como hoxe a coñecemos. Moitos non dubidan en sinalala como a artífice do cambio na valoración da figura feminina no século XII á que converte no ideal do home xurdindo un amor cabaleiresco que se manterá ata a actualidade. Leonor conseguiu na súa época impoñerse ao dominio masculino e ser durante algunhas etapas da súa vida poderosa e independente, a súa biografía é un referente na historia dos dereitos das mulleres. A filla primoxénita do duque Guillerme X, disque unha muller de singular beleza, foi educada para herdar as terras de Aquitania, que foron súas tras a morte de seu pai. Herdou do seu avó, Guillerme IX, o duque trobador, o amor á cultura e á arte. Fronte aos costumes da época aprendeu a ler, a escribir e falaba varias linguas. A súa herdanza converteuna nunha muller independente e nunha consorte apetecible para as casas reais europeas. Casa con Luís VII de Francia con quince anos e leva ás festas reais os xogos de amor cortés. Vai ser ela a que dirixa a segunda cruzada. As súas infidelidades rematan coa anulación do matrimonio. Meses despois casa con Henrique II de Inglaterra, un home do que estivo fondamente namorada mais que lle foi infiel en numerosas ocasións. Henrique afástaa das decisións políticas por primeira vez na súa vida, e ela, en desacordo coas decisións do seu marido, alíase cos seus fillos para que estes herden Aquitania que lexitimamente lles pertencía vía materna. Como resultado desta afrenta Henrique encérraa durante quince anos ata a morte do rei. Cando o seu fillo Ricardo é coroado rei de Inglaterra, Leonor volve participar directamente na vida política ata a súa morte. Baixo o seu mecenado escribiron, entre outros, Chretien de Troyes e a fermosa Leonor vai servir de modelo para personaxes literarias como Xenebra ou Isolda. Velaquí a filla de don Gaiferos do romance galego que nos chega en Murguía e ecoa en Carré Aldao, unha muller brava que non quixo ser menos que calquera home da súa época. Os restos da tres veces raíña permanecen no mosteiro de Fontevrault, cabo dos do seu fillo Ricardo. Para a posteridade a súa imaxe inmorredoira no sepulcro retrátaa cun libro aberto entre as mans que representa a herdanza cultural que lles deixou aos seus e o rostro sereno e prácido reflicte para sempre o pracer da lectura.

TAN

TAN: Gozas abríndome o apetito?
***: Si.
[Imaxe de Lauren Furlong]

Equilibrio

É complicado manterse en equilibrio.

2007/06/02

Cambio de imaxe

Rubideira teimuda I

Aquí continúo, un ano despois de que alguén me metese o formiguiño de realizar esta viaxe.
Agardaba ser rubideira teimuda pola cortiza da rede de redes e algo fun facendo.
Cruzáronse moitos camiños alleos co meu, case que sempre enriquecedores e amables, estoulles agradecida por facer que fose así.
Aínda que por veces houbo tentacións de abandonar a selva, de momento creo este é un vicio furtivo que me podo permitir e que quero seguir compartindo con tod@s vostedes.
Grazas de novo por estaren aí.
[Rachmaninov - Rapsodia sobre un tema de Paganini]

powered by ODEO

2007/06/01

A relectura

"Hai unha máxima ven coñecida que di: “nunca regreses a onde fuches feliz”.
[...]
A negación do regreso a onde algunha vez fomos felices leva aparellada a prevención da desilusión que a idealización dun lugar suscita, como tamén o suscita a idealización dunha persoa, dun obxecto, dunha idea e mesmo dun libro.
[...]
Mais o retorno, a onde fomos felices ou non, ten tamén o seu aquel de experimentación cos propios sentimentos, a sempre arriscada aventura da rememoración, a dúbida de se o que lembramos é unha imaxe deformada (anamorfose) do que aconteceu na realidade ou do que sentimos, a deconstrución dun mito, ou a recreación dunha auto mitoloxía necesaria.
Cando relemos un libro que nos gustou e nos gusta aínda, que tiñamos subliñado e que fai agromar un sorriso, que tiñamos anotado na marxe e que fai revivir o interese, daquela imos construíndo, de vagar mais sen pausa, o noso canón literario particular."
(Vía Xabier Queipo, Ensaio sobre a relectura)

Xirasoles

Fotografía de Joslynan.