Páxinas

2016/09/27

Linguaxes secretas



Fai doce anos, o 27 de setembro de 2004 morría case centenaria Ian Huaní, a última persoa que aprendeu nuxu de forma natural a través das mulleres da súa familia.
Desde o século III da nosa era as mulleres dunha pequena zona da provincia de Hunan desenvolveron un sistema de escrita propio, que se transmitía de avoas a netas, e que nunca, baixo ningún concepto, podían aprender os homes. O nuxu permaneceu oculto ata 1982.
Este código lingüístico tamén tivo versión escrita no denominado Libro do terceiro día. Tres días despois da voda, as mulleres da casa entregábanlle un caderno á nova casada onde podía atopar páxinas dedicadas á dor da perda dun ser querido simbolizando a partida e logo páxinas en branco que ela había de cubrir coas súas vivencias. Cando morría a autora o libro soterrábase canda ela.
Sigo a precisar esa linguaxe secreta que se destrúa canda nós na que poder contarche todo o que levo gardado para ti.
_______________


Déixolles aos pertinaces lectores que aínda pasean esta selva o marco das Cartas do terceiro día de Marcos Calveiro, cliquen aquí se ademais desexan ver en vídeo un fragmento da mesma obra recitado polo autor.
Miña filla:
Yang
era o alcume da miña avoa,
Huanyi
era o de miña nai,
elas e as demais labregas
da prefectura de Jiang Yong,
Provincia de Hunam,
que sabían da súa nacencia e serventía,
xamais souberon ler ou escribir en han
nin os seus nomes
nin os de seus fillos
nin os dos paxaros
que brincaban nas leiras,
emporiso ensináronme
na súa secreta linguaxe
o pouco que sabían,
o pouco que eu tamén sei
e que agora che quero entregar
nestas cartas que escribo coas túas irmás

na terceira xornada de convite e rexouba
dende o teu casorio arranxado
polo alcoviteiro da aldea
co teu pai e a familia dese prea
co que ves de casar.


Miña filla,
nosa benquerida irmá:
Eiquí rematan
este feixe de cartas
feitas coa estima das que te estrañan,
verbas de alivio e conforto
das túas amigas,
ensinanzas, desculpas e avíos
da túa naiciña.
Non as esquezas
e tenas presentes
polo teu ben e o teu descanso,
adeus para sempre
filla e compañeira.
As follas en branco
que agora seguen
éncheas co amor e o cariño
que nos che profesamos
e cando te sintas pexada
arreda o fastío e a repugnancia

escribindo nelas coitas e alegrías,
herdanza que deixarás
a túa meniña
o día aínda lonxano
da súa partida.