Páxinas

2009/12/21

París contigo


"¿Cuál es el mejor mes para visitar París?
El mejor mes es en el que tú vengas."

Mentres marchas sinto que a idea de te ir ver á cidade do amor xa se converteu nunha necesidade.
Agardar á primavera paréceme excesivo, renego do xogo de me facer a difícil, decembro ha de ser un magnífico mes para coñecer a cidade dos tellados e te atopar alí. Onde terei metido eu os libros de francés da escola de idiomas? Unha semana non é que dea para moito pero sequera repasar o básico. Almorzaremos, iremos vela xuntos e logo deixareite á túa vida mentres eu fago de turista e devoro museos, rúas e unhas cantas tendas monas parisienses. Recollerasme á saída do Orsay?

2009/12/18

Borrador


54 entradas en fase borrador (a máis antiga agarda ver a luz desde 2006).

Tipoloxía:
- Unhas son son como tempos a medio vivir, algo houbo pero no seu momento non foi o suficientemente intenso ou apremante como para facer agromar un post do meu gusto.
- Outras son o resultado dunha aplicación da autocensura no último momento, que tampouco unha o vai ir contado todo por aí.
- Bastantes son entregas pendentes da campaña de animación á lectura, pero claro, hai xa tantas campañas de animación á lectura!
- Algunhas falan de filmes que xa nin lembro.
- Tres, que teñen xa moito tempo, van do pequeno/minúsculo/ínfimo blogomillo.
- Varias falan delas e deles.
- Un par delas poden chegar a ser boas ideas.
- E algunha, fala de ti en silencio.

2009/12/06

Hoxe tiven un pesadelo

Hoxe tiven un pesadelo e por causa miña morrías. Unha broma en cuestións de segundos tranformábase en traxedia. Espertei berrando, berrei aínda xa esperta. Ti seguías a durmir coma un anxiño. Deiche bicos. Despois espertaches, chorei e riches.
Dúas horas, blogomillo e un nesquik quente con mini cruasáns despois, aínda non se me pasa.