Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta Recomenblogueando. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Recomenblogueando. Amosar todas as publicacións

2010/09/27

Maldita memoria!

Ou máis ben debería dicir, maldita desmemoria!
Cando recibín o premio de Kaplan veume un flash deses, premio, premio, premio, e empecei a pensar que non era o primeiro premio que recibía, pero non se me ocorría nada máis. Despois viñeron outro e outro, e outro, pero non acababa de situar a cousa ata que por fin, e con gran malestar para min, localicei a lagoa mental.



Mil desculpas pola desatención, non estaba no meu ánimo, pero a saber que foi o que pasou. Tento con esta entrada pedir perdón e aproveito para recomendar es Revolta da freixa tan ben feita, especialmente esa serie Noticias de literatura que nos permite estar ao día nas nosas letras.

2010/09/25

Campaña de animación á lectura 77


Esta entrega da campaña é por cortesía de Mr Tichborne, recomendo tamén a súa galería de fotos onde poderedes atopar algunhas pequenas xoias en imaxe.
Aproveito para comunicar que esta campaña e o resto do blog están abertos ás contribucións que calquera de vostedes desexen enviar sempre e cando sexan do gusto da propietaria da Selva.

2010/09/07

1.000 entradas en Ithaca


O blog referencia publicou a súa entrada número 1000, parabéns ao señor Kaplan por seguir aí, resistindo, polas súas palabras e imaxes compartidas, polos seus seguidores cada vez máis numerosos e por esa fermosa entrada de lembranzas cun par de imaxes que me provocan nostalxia.

2009/02/09

Os meus 3 primeiros pasos no mundo Facebook

Si, abrín conta no Facebook.
1º PASO: Nesta colectividade paralela podes atopar a boa parte do blogomillo e sorprenderte moito ao ver que te coñecen persoas das que ti ignorabas a súa existencia.
2º PASO: As reaccións:
1) Xa me tardaba vela por aquí.
2) Por fin chegas.
3) Xa sabía eu que ía picar no fedello este.
etc.
3º PASO: Isto fomenta o cotilleo, quen é amigo de quen, quen está en que grupos, etc.

2008/12/25

2008/11/18

Unha de cangrexos

A nosa doutora, que tanto se dosifica desde a volta (por que volvería? botaríanos de menos aos doentes? fíxose adicta ás nosas consultas? tamén ela sofre dos nosos males?), acaba de publicar unha entrada magnífica.
Advertencia: sen visitar o link perde a graza.

2008/10/04

2008/06/20

Servando Barreiro

Hoxe recoméndolles unha entrevista de Magago a Servando Barreiro, un rapaz espelido que se dedica a inventar uns aparellos nos que mestura luz e son de formas novidosas. É un visual jockey, non, eu tampouco sabía o que era iso, vén sendo unha versión evolucionada dos pinchadiscos, agora pinchan vídeos combinando imaxes e son con parámetros diferentes aos habituais e fala de ondas de son, de ondas cerebrais, etc. O Ser, como se chama no Fotolog, agora anda por Berlín porque isto xa lle quedou pequeno hai uns anos, pero é mellor que o escoiten nas súas palabras.

2008/06/18

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

2008/06/13

Hidroterapia

E xa que vai de augas, unha recomendación para hoxe, non se perdan a fresca e suxestiva Hidroterapia de VaKaSToLaS, todo unha demostración de poder.

2008/05/21

Lars and the Real Girl

Non vexas Lars and the Real Girl se es dos que cre que unha boneca non pode ter vida.
Luís Galego contáo moito mellor do que o podería facer eu.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

2008/05/14

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

2008/04/28

Galiza bilingüe e bisexual

Como a vida segue o seu ritmo particular sen atender o máis mínimo aos meus intereses, anda esta Selva medio asilvestrada, e así, como quen non quere a cousa, atópome con que hai máis de dous meses e medio que decidira dar conta aquí deste acertado texto do Levantador de Minas e aínda non o fixera. E como non todo vai ser poñer atrancos, desgraciadamente a vida tamén quere que o tema siga vixente.

2008/03/17

Días estranhos - 5 anos

O blog de Martín Pawley cumpre cinco anos e faino principiando unha serie de recomendacións literarias de diferentes persoeiros que se abre coa intervención de Agustín Fernández Paz. Parabéns ao autor polo aniversario e pola iniciativa.

2008/03/04

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.