Páxinas

2008/12/27

corpos-aparellos-cables

Esta é unha das fotos que aparecen no calendario realizado por alumnos da Facultade de Xornalismo da USC disque para axudar a pagar a súa viaxe de Ecuador. U-los estudantes de xornalismo implicados en causas altruístas?
O caso é que normalmente os calendarios erótico-festivos que adoitan saír nestas datas desde hai uns anos non soen gustarme. A maioría dos que teñen protagonistas femininas dá peniña velos e dos masculinos, case todos traen a tipos que non me interesan en absoluto e outros mesmo che quitan as ganas de todo. Vale, recoñézoo, hai algúns que están ben, que si, que no dos bombeiros de Bilbao do ano 2007 había algún mes bastante interesante (que por certo, este ano ata ofrecen servizo de postais), pero iso só é a excepción que confirma a regra. Que regra? A regra de que á xente lle encanta poñerse en pelota picada, o cal está moi ben, o que non está tan ben é que sempre teñan que buscar unha desculpa para facelo. Ao que iamos, a foto esta si que me gusta, eu creo que a cousa está en que é en branco e negro porque se pensamos nela en cor pasaría así rapidiño a horrorosa, pero con este aire almacén de corpos-aparellos-cables realmente queda xeitosa. Se lles gusta, xa saben, á facultade de xornalismo a conseguir un exemplar.

2008/12/24

Bo Nadal

Desde esta a súa Selva, toda revolta de libros e papeis, iso si, coa árbore montada, deséxolles a tod@s @s paseantes un bo Nadal na compaña de quen for ou en soidade amena. Saúde, felicidade e lectura.

2008/12/20

Algo de sentidiño aínda queda

Durante meses esta imaxe proclamou na Selva a denuncia contra o intento dos gobernos europeos de impoñer unha xornada laboral que viría reducir drasticamente o tempo de lecer dos traballadores e traballadoras condenándoos aínda máis a unha vida dedicada case en exclusiva ao mantemento dun sistema económico baseado no consumo desmesurado cunha repartición da riqueza absolutamente inxusta. Dentro deste contexto, alégrame gardar a imaxe porque, algo de sentidiño aínda queda, e esta semana o Parlameno europeo por maioría rexeitou esa reforma laboral.

2008/12/12

Un tipo xenial

Vía Calidonia chego a Un tipo xenial é un filme agradable, deses que mitifican os universos perdidos preindustriais, os grupos sociais pequenos rexidos pola harmonía dos tempos idos. Gustoume, mais que polo seu valor en si mesmo, polas lembranzas que me provocou doutros filmes que me resultaran máis pracenteiros.
Clasificación selvática: 6 (Veña, si, por haches, por bes ou por cetas, si).