Páxinas

2010/10/27

A REVISTA RETRANCA "SECUESTRADA" POLA IMPRENTA


Reproduzo a nota de prensa publicada no blog da revista, envíolles a miña solidariedade ante semellante atropelo da liberdade de opinión.

A revista Retranca, especial visita do Papa, secuestrada pola imprenta
O número da revista Retranca que estaba a piques de saír, que tiña como tema central a próxima visita do Papa a Galicia, acaba de ser secuestrado pola imprenta. Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma.
Nunha conversa telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono de Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo “co ataque ao Papa e á Igrexa”. É a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato de por medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa disconformidade cos contidos da mesma. Retranca deixa claro que foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política.
Desde Retranca queremos tranquilizar aos nosos lectores anunciando que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve.
Tamén queremos facer público que estamos tratando cos nosos avogados para tomar medidas contra os danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato da Imprenta Jiménez Godoy.
Retranca é unha revista galega de humor satírico que leva nos quioscos desde o ano 2007 e que o vindeiro sábado día 30 de outubro celebrará o seu terceiro aniversario cun acto no Café Moderno de Pontevedra ás 20.00 horas. Retranca, a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións, recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada.
O número era un especial sobre a visita do Papa a Galicia, e conta como autores invitados a colaboradores de la revista EL JUEVES (Jordi March, Guillermo, Manuel Bartual , Fer e Bernardo Vergara) ademais dos colaboradores habituais da revista.
Contacto Kiko Da Silva
revista.retranca@gmail.com

Nenhum comentário: