Páxinas

2008/01/19

As mazás de Eva

[Fotografía de Nick Koudis.]
Hoxe tócalle ir mercar mazás. Elixe sempre mazás vermellas, deliciosos froitos edénicos creados para tentar e alimentar saudades prófugas doutros.
Hoxe confundiuse coa compra e trouxo unha mazá de menos. Era a túa.

2008/01/13

Inxustos con Rodríguez

Ese é o título dunha columna de opinión publicada o venres por Manuel Rivas en El País. O último parágrafo do texto di:

"É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces."

Subscribo plenamente estas palabras, iso si, engadiría algúns nomes máis e non necesariamente das mesmas siglas, entre os que habería tamén algún que outro de muller.
Decátome de que este é o ano de Curros e volvo a vista atrás e vexo a Francisco Rodríguez en 1978 falándonos do celanovés de forma entusiasta e logo achegándonos a unha compañeira e a min no seu coche ata a casa.
Dende aquela uns cantos encontros, o último en 2005, chegou tarde porque viña de Madrid, só permaneceu unha hora porque tiña que marchar cara a outro compromiso, non importou, contábase con el e alí estivo.

2008/01/07

Un inocente pitiño

Nese labiríntico percorrido polas compras desmesuradas atopei estas personaxes que me lembraron
Mireinos, sorrín e sentín certa nostalxia inexplicable.
Saúdos, boa sorte e moito millo onde queira que píe agora.