"A cidade ha de ir en ti sempre. […] A vida que aquí perdiches destruíchela en toda a terra." K. Kavafis
2011/01/13
2011/01/12
De blogues e redes sociais
Un blogueiro activo, que cumpre hoxe catro xaneiros e ao que felicitamos desde a Selva, quéixase de como outros formatos máis áxiles o afastan do costume de alimentar a súa páxina.
As redes acabarán cos blogs? Quen sabe, probablemente si, de feito, xa o están facendo. Os blogs reséntense e ven impasibles como os comentarios doutrora xa non se producen neles senón nas redes sociais, isto amola, vaia que se amola!
Era divertido ler posts atrasados cos seus comentarios e mesmo achegarte silandeira e atopar as túas letras onde nin sequera lembrabas ter estado. Agora todo desaparece cara abaixo coma se fose cara ao inferno neses muros deslizables sen fin polos que se perden as nosas liñas.
Xa nin sequera paseamos polos espazos amigos, sindicados, abonda con entrar no noso lector para estar ao día das novidades. Elas, as redes sociais, apostan pola velocidade canto máis vertixinosa mellor e os blogs pola permanencia e, nos menos dos casos, pola reflexión demorada. Supoño que os blogs existirán mentres se manteñan as dúas necesidades e non caiba todo nos 140 caracteres dun tuit. E cando así sexa, desde a ventá do pazo, deámoslle a benvida á locomotora dos novos tempos.
2011/01/11
Papel e lazos
Xa dicía algún paseante da Selva que non había ser capaz de resistir a tentación, pois si, acertou. Perfumes atraentes de esencias intanxibles, libros interesantes, programas adictivos, prendas diversas de se poñer e quitar, complementos varios, cremas milagreiras para evitar o inevitable e mesmo un cefalópodo hortera acabaron pasando pola miña casa, algúns só para permanecer agardando a visita real e outros na procura de papel e lazos que os fixesen máis atractivos no camiño deses tobos onde han atopar mellor destino.
Sucumbir, sucumbín, mais foi pracenteiramente, e iso, queridos paseantes, seguro que ten algún tipo de bonificación celestial.
2011/01/01
Despois do final, feliz aninovo 2011
A miña felicitación de aninovo para as visitas amigas da Selva de Esmelle.
2010/12/27
De compras
Noiteboa e nadal transcorreron segundo o previsto, sucedéronse sen pausa gástrica ceas e xantares que gozamos gulosos botando en falta só o aroma e o sabor do tabaco para as sobremesas.
Mañá toca compras onde haberá que decidir se unha se deixa tentar polo atractivo mundo das marcas ou aplica o autogabinete de crise de recorte radical.
2010/12/12
44 días de ausencia
Si, 44 días de ausencia, nunca tanto, esta vez foi diferente, non abandonei só a Selva, abandoneinos a todos. Doutras veces aparecía un sentimento de culpabilidade extraño, sentíame responsable de que a Selva gozase de boa saúde, coma quen coida unha planta ou un animal, debe ser que sigo sen estar preparada para coidar de ningún ser vivo. Desta volta foi diferente, nada de culpabilidades nin responsabilidades frustradas, volvín hoxe, o día en que espertei e sentín ganas de teclear de novo aquí.
Vin unhas cantas pelis, con bastante mala puntería na elección:
Bajo la piel (8)
Come, reza, ama (4)
La red social (2)
Lope (6)
No digas nada (2)
Two lovers (6)
Chegou o inverno, pasei frío por non saber poñer en marcha un supermoderno sistema de calefacción. Anticipeime a el e reencontreime cos amigos e coa familia e despois de moito tempo, estiven a gusto. Si, seino, chego adobiada de Nadal tendendo a merengosa pero non me importa, non estou disposta a que ninguén me amole as festas. Saúdos.
2010/10/29
Marcelino Camacho (1918-2010)
Este día de chuvia trae a triste noticia da morte de Marcelino Camacho, home co que non coincidín xeracionamente, foi porén unha figura que sempre me transmitiu boas vibracións.
![]() | |
| Na manifestación do 1 de maio de 1979 (aparecen con el na foto, entre outros, Nicolás Redondo, Tierno Galván e Santiago Carrillo). |
Como do seu labor sindical, xa se ha de falar moito noutros lugares, quero traer á Selva outro perfil del, o debuxado por Josefina Samper, esposa e compañeira de Marcelino Camacho, en 1985, que nun programa de radio falaba del nestes termos (na entrevista tamén o podemos escoitar contando as súas vivencias familiares):
E unha pensa, como muller, e con todo o respecto do mundo, que tamén a esquerda durante longo tempo foi un terrero ermo para mulleres. A moitas delas tocoulles o papel de seren outra caste de viúvas de vivos, xa non as dos emigrados, senón as dos presos, que non detrás, senón, cabo deles, tamén deberían compartir a gloria da memoria histórica.
E como o destino non deixa de ser por veces caprichoso e ata tenro, quixo que a última foto de de Marcelino Camacho en vida fose co seu partenaire na loita sindical española, Nicolás Redondo.
Vaian as miñas palabras na honra deste home, desde o firme convencemento de que sen el, moit@s traballador@s terían tido unha peor existencia.
O meu pésame para a súa xente e para CCOO.
2010/10/28
Outono
Gústame o outono, especialmente nas terras interiores, camiño da montaña.
Gústame cando mo traes á casa nun colar de castañas, esparexes o outono pola cama toda e pos en marcha a banda sonora dos nosos corpos sobre as follas secas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







