Mostrando entradas con la etiqueta Os_amigos_invisibles. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Os_amigos_invisibles. Mostrar todas las entradas

18/06/08

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

15/06/08

Así estou eu...

Suicida como a barca que abandona o peirao e penetra na brétema da ría consciente de que non ha volver tragada polo océano.

Xélida como a meixela inerte do avó dentro do cadaleito no salón da casa.
Perdida como un arao dos cons terra dentro sabedor de que nunca vai atopar outro da súa especie.
Rabiosa como unha guerrilleira que perde o compañeiro na loita.
Desolada como Karen Blixen no outeiro agardando polo cadaleito de Denys Finch.
Seca como a flor gardada dentro dun libro para lembrar o que un día existiu.
Triste como o fado desgarrado que me deixaches no peito.
Así estou eu, así estou eu, sen ti.
________
Por culpa de Torreira, así estou eu, con Sabina na memoria, con Mariza nos oídos e ti no corazón.

11/06/08

Ummm

24/05/08

Moru

Acabo de enterarme da NOTICIA e non podo facer outra cousa que vir á Selva a contalo. Moru xa está aquí e Ghanito e a señora Colombo son pais. El emocionado, ela emocionada e desfeita logo dun parto longuísimo, a menina preciosa. Parabéns a toda a familia desde a Selva.

17/04/08

Enjut@ Mojamut@

Chégame un convite do señor Kaplan de responder ao seguinte meme. Fágoo ipso facto:
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Máis das que debería, digamos que hai días en que o ordenador non se apaga.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Máis de dez: 3 do blog (gmail, yahoo, flickr), a de yahoo, dúas do traballo e unhas cantas que foron xurdindo.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Teño conta en algunha pero non uso ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blog, con diferenza, aínda que moitas veces se me queda curto. Realmente gustaríame saber deseñar páxinas web para poder utilizar doutra forma letra, son, imaxe, vídeo... Gústame moito o flickr, tanto para colgar fotos miñas como para navegar polas alleas. Un dos meus pasatempos preferidos é o paseo por imaxes na rede, gústame procurar as imaxes precisas para cada post aínda que a maioría das veces non aparece aquela concreta que tes na cabeza acabas dando con algunha que se achega.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Coñezo persoalmente a varios, aínda que el@s non saiban quen son eu. Logo teño compartido espazo común con bastantes máis nas mesmas condicións.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@> Realmente volvinme unha adicta aos blogs, sigo diariamente uns dez, semanalmente uns vinte e no meu lector de sementes conviven máis de cen.
Quen guste das preguntas que siga o meme e deixe recado.

15/04/08

Kaplan embalado

Así atopei fai dous días a Kaplan, embalado e polo chan. Foi imposible saber o contido das tentadoras caixas.

Seino, a foto é mala, malísima de solemnidade, pero como documento gráfico creo que abonda. Ademais, a ver que foto quitaban vostedes desde o coche, conducindo e cun tipo ao lado dicíndolles: "Circule, por favor, circule"

12/04/08

MO

PARABÉNS
MO
[Fotografía de X]

17/03/08

Días estranhos - 5 anos

O blog de Martín Pawley cumpre cinco anos e faino principiando unha serie de recomendacións literarias de diferentes persoeiros que se abre coa intervención de Agustín Fernández Paz. Parabéns ao autor polo aniversario e pola iniciativa.

4/03/08

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.

1/03/08

Touché

Na Selva apareceu unha carta.
E tivo resposta.

Vía Pés espidos.

20/02/08

Juno

Unha déixase liar e claro, acaba vendo as pelis que outros lle recomendan.
Se alguén me falase dun filme dunha rapaza de dezaseis anos que queda preñada e vai abortar e sae da clínica sen facelo por algo que lle din, etc. que non lles conto máis que senón perde o chiste, pois ben, se me dixesen todo isto, a priori, como que fuxiría de velo, pero el só dixo:

"teño tempo [...] para ver filmes divertidos e ben escrtios, como a fermosa Juno. Cen por cen recomendable."
E acertou :-)

Vía From Hell.

14/02/08

Césare

Ás veces nisto da rede perdemos a consciencia da presenza. Teño por costume dar a benvida a aqueles que deixan comentario por primeira vez na Selva, e foi o caso que xa hai case un mes Césare tivo a ben deixar unhas palabriñas súas neste recuncho. Eu, afeita a lelo, non reparei en que desta volta as súas palabras non proviñan de As túas balas e non me decatei ata hoxe. Césare é un deses amigos invisibles aos que coñecín mesmo antes de existir X. Por obra e graza dun Robinson, nun fondo verde que daquela decoraba Ithaca, achei o link ao seu blog e desde aquela me gusta pasear por el sabendo das súas distancias, visitas, retornos e ferretes aínda que ás veces teñan pouso amargo. E dito isto non quero eu facerlle o feo.
Doulle a benvida á Selva, señor Césare.

9/02/08

Campaña de animación á lectura 45

Colaboración de La queue bleue para a Campaña de animación á lectura publicada por petición popular.
Vía Diario de Ferrol.

20/01/08

Mazás tivesen as maceiras

Esta Selva é tan rica que andan as mazás polo chan e pódeas apañar quen queira.
Hainas para el,
para ela
e para el tamén.

E vostedes pensarán a que vén tanta mazá, pero é que os paseadores desta Selva non se conforman con calquera cousa, non, non, sonlles ben tiquismiquis, e mentres as árbores da Selva vaian portándose, por mazás non ha de ser.

7/01/08

Un inocente pitiño

Nese labiríntico percorrido polas compras desmesuradas atopei estas personaxes que me lembraron
Mireinos, sorrín e sentín certa nostalxia inexplicable.
Saúdos, boa sorte e moito millo onde queira que píe agora.

24/12/07

Bo Nadal

[Imaxe roubada de O berce das fadas]
Unha sala claustrofóbica nunha cela do macroenxame de morte.
Calor abafante. Unhas ventás demasiado altas que impiden contemplar a vista sobre a ría. Grupúsculos de sufrimento ao longo das cadeiras, afastados, que ninguén escoite as nosas coitas. Tres factorías enormes cuspen refrescos, chocolatinas, cafés e auga mineral de Sigüenza. Calor abafante. Un mozo chora mentres unha muller nova coa que non ten demasiada confianza intenta consolalo pasándolle a man polo lombo. Dous matrimonios cincuentóns falan dunha cartilla de aforros e de ir mañá a primeira hora a facer non sei que cousa, están todos de acordo, elas visten de agoiroso negro, falan en alto, non se ve afectado ningún dos catro, deciden ir xantar. Chega unha enfermeira e todos calamos, comeza a pronunciar nomes e apelidos, coma nos campos de concentración, a cada novo nome un grupo desaparece para ir a outra sala onde será informado. De cando en vez incorpórase algún novo membro á cela pouco implicado sentimentalmente, e comeza a salferirnos cunha morea de trivializacións que dan ganas de ir a por un desfibrilador e aplicarlle a máxima potencia para que cale dunha vez por todas. Calor abafante. E alí agochadiño, no medio de dous abrigos, entre unha revista e un bolso asoma un libro, vexo que é de Fóra de Xogo, non me resisto a tirar un chisquiño del para lle ver o título cando non me ve ninguén e... velaí o está, Cando petan na porta pola noite, unha magnífica obra dun amigo desta Selva, interpreto o feito como unha chiscadela da vida. Por fin somos dos elixidos e pasamos á outra sala. E os familiares queren respostas, unha explicación convincente que desvele o misterio, unha palabra á que lle botar a culpa. E o tac e demais probas médicas póñenlle unha chea de etiquetas á señora da gadaña. Un berro estarrecedor sobe polas escaleiras desde urxencias e ti dis “acaba de morrer alguén”.
Non se sabe se será hoxe o día ou aínda quedan esperanzas de melloría, tampouco se sabe que significaría melloría.
“É lei de vida”
Que frase! Apenas dez letras que abranguen boa parte da historia do pensamento. Nunca reparara na grandiosidade desas palabras, aí as catro xuntiñas resumíndoo todo.
Esta noite non se presenta moi boa pero han de vir outras mellores.
Mentres, deséxolles moi boas festas a tod@s os paseadores desta, a súa, selva.

18/12/07

Saudade do blogomillo

Sinto saudade das visitas a esoutras casas nas que almorzaba, merendaba e mesmo ás veces teño durmido.
Sinto saudade do blogomillo.

2/12/07

Gunman

A dilixencia trouxo a noticia, estaba acampado a dous días a cabalo de aquí. Ninguén cría que volvería despois de lle meter aqueles catro chumbos no corpo ao sherif, aínda que ninguén chorara a morte daquel fillo de puta era o representante da lei.
Trae o po do deserto nas botas e a lenda no seu Colt 45.


No saloon Rick xa puxo o vaso na barra.
As fulanas agardámolo sentadas ao carón do piano de Clark coas medias novas.
Os fulanos xogan ao poker para tomar whisky.
Mentres o novo sherif prepara o seu revólver e reza crendo que a conta atrás para el xa comezou.
Welcome home from hell.

From Hell

FROM HELL o Suso Bahamonde decidiu volver.

28/11/07

Campaña de animación á lectura 36

[August Macke: Home lendo no parque]

*Por cortesía do aplicadísimo amigo Fisiólogus.