Mostrando entradas con la etiqueta CulturaGalega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CulturaGalega. Mostrar todas las entradas

14/05/08

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

22/04/08

Amordazar o galego

16/04/08

Premio xornalístico

Amablemente enviáronme ao correo hai unhas semanas información sobre a convocatoria do IV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores convocado polo concello de Carballo a través do seu Servizo de Normalización Lingüística. Pídolles desculpas polo meu despiste e non ter colaborado antes na difusión do premio e aproveito para enviarlles os meus parabéns por algunhas das iniciativas que están a levar a cabo como o Literactúa.

15/03/08

Praza das Letras

22/02/08

Ferve a Rede

Non me resistín.
Alá van as palabras.

Vía Ferve a Rede.

3/02/08

Entroido 2008 II

Entroido 2008 I

8/12/07

Miraxes

Parabéns para os integrantes de "Miraxes" polos seus 200 programas querendo informar e emocionar falando de cultura galega.

7/10/07

Vivan como empresarios galegos!


Parabéns a GADISA pola súa nova campaña publicitaria de Gadis "Vivamos como galegos", todo un acerto.
A verdade é que desde hai uns anos me chama a atención o seu comportamento publicitario, con moitas colaboracións en programas da RTVG e logo boto de menos a correlación na súa praxe cotiá. É por iso que me gustaría facerlle algúns convites ao grupo empresarial que posibilitarían que o sentise máis próximo:
- Non estaría mal que nos seus establecementos en Galicia puidésemos atopar a sinalización en galego.
- Tampouco estaría mal que a etiquetaxe dos seus produtos de marca branca, Leader Price, incluíse versión na nosa lingua.
- E xa sería para nota que na súa páxina de compra na rede, gadisline, puidésemos comprarlles de todo e en galego.
Non crean que somos moi esixentes e aspiramos a imposibles, non lles pedimos máis que o que xa fan outros, como Eroski.
ADIANTE, DIRECTIVOS DE GADISA, VIVAN COMO EMPRESARIOS GALEGOS!

1/06/07

A relectura

"Hai unha máxima ven coñecida que di: “nunca regreses a onde fuches feliz”.
[...]
A negación do regreso a onde algunha vez fomos felices leva aparellada a prevención da desilusión que a idealización dun lugar suscita, como tamén o suscita a idealización dunha persoa, dun obxecto, dunha idea e mesmo dun libro.
[...]
Mais o retorno, a onde fomos felices ou non, ten tamén o seu aquel de experimentación cos propios sentimentos, a sempre arriscada aventura da rememoración, a dúbida de se o que lembramos é unha imaxe deformada (anamorfose) do que aconteceu na realidade ou do que sentimos, a deconstrución dun mito, ou a recreación dunha auto mitoloxía necesaria.
Cando relemos un libro que nos gustou e nos gusta aínda, que tiñamos subliñado e que fai agromar un sorriso, que tiñamos anotado na marxe e que fai revivir o interese, daquela imos construíndo, de vagar mais sen pausa, o noso canón literario particular."
(Vía Xabier Queipo, Ensaio sobre a relectura)

23/05/07

Dionisio Pereira


Hai uns días chegaba á Selva de Esmelle unha chamada para axudar a difundir a páxina na que persoas boas e xenerosas apoian ao historiador Dionisio Pereira, eu, demasiado ocupada en ollar o meu embigo esquecera o asunto na bandexa de entrada do correo. Pídolles desculpas.
www.sinhorafranio.com

8/05/07

Culturgal


Perdelo é un pecado.

Que facemos co DDL?

O que facemos co Día das Letras é xustificar un festivo que doutro xeito caería nunha celebración relixiosa, fóra diso, pois folgar e, se lle cadra, pois ler/non ler como calquera outro día do ano.
Que o DDL sexa festivo ou non relaciónase tamén co asuntiño ese da xustificación dos diferentes festivos autonómicos, locais e estatais. Desde ese punto de vista este festivo está moito máis xustificado que moitos outros.

Agora ben, se vostede é unha persoa seria e segue a preguntarse sobre a cuestión cubra o seguinte test e sentirase moito mellor (resultados garantidos):

1. Para que debe servir o DDL?
1.1. Non debe servir para nada. [Vostede xa rematou de cubrir este test, sen dúbida ningunha é vostede unha persoa decidida, de ánimo resolutivo disposta a vencer sen dificultade aqueles atrancos que a vida lle vai presentando.]
1.2. Debe servir para algo. [Pase á cuestión número 2.]

2. Cre que se están conseguindo os obxectivos pretendidos co DDL?
2.1. Si. [Todos tan contentos, vostede xa rematou de cubrir este test, é vostede unha persoa que olla a vida con optimismo e sabe valorar sempre os aspectos positivos das cuestións.]
2.2. Non. [Pase á cuestión número 3.]

3. O motivo ou motivos polos cales vostede considera que non se está conseguindo o obxectivo inicial da celebración do DDL ten unha solución posible e viable?
3.1. Non. [Vostede xa rematou de cubrir este test, ao mellor non llo dixeran nunca pero é vostede unha persoa cunha alta capacidade analítica capaz de valorar con suma precisión ata onde pode chegar nos problemas e que sabe moi ben o lugar que ocupa na vida.]
3.2. Si. [Pase á cuestión número 4. Pero ao final vai resultar que é vostede un “fanático deses...”.]

4. Comunicoulle a alguén con poder decisorio as súas descubertas?
4.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, pode estar seguro de que o seu nivel de civismo e solidariedade supera a media, os seus familiares e coñecidos deberían fachendear de ter relación con alguén tan íntegro coma vostede. Ao fin e ao cabo, que non lle fixesen caso xa non é responsabilidade súa.]
4.2. Non. [Pase á cuestión número 5. Ou igual é desas e deses do non polo non ummm.]

5. É vostede un deus ou unha deusa?
5.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, as divindades están por riba do ben e do mal e é comprensible que non se poidan parar en cuestións de tan pouca importancia como o DDL.]
5.2. Non. [Confirmado, é deses/desas, aínda así, non se apure, tamén teño boas novas para vostede, ten un próspero futuro na carreira política ou na espionaxe industrial, só alguén tan egoísta como para furtarlles aos seus semellantes unha descuberta de tanta importancia pode medrar en semellantes terreos. Por certo, vostede, si, @ xeneros@, xa rematou de cubrir este test, recoméndolle que faga algo diferente ao que fixo nesta data nos anos anteriores para non andar o ano que vén facéndose estas mesmas preguntas.]

[Texto provocado por Francisco Castro.
Inspirado por
Suso de Toro.
Que conste que eu non quería.]

2/05/07

Adopcions con distinta perspectiva

Adopta. Recibirás máis do que podes dar. Neste país no que cada vez é menor o índice de natalidade a adopción soía verse como a solución ideal para nais e pais que non podendo ter fillos cubrían dese xeito a súa necesidade. Agora cada vez son máis as persoas individuais e as parellas que podendo ter fillos biolóxicos optan, nun planeta superpoboado, pola adopción coma unha forma vantaxosa de xenerosidade na que lle ofrecen a outro ser humano a posibilidade dunha vida (mellor?) ao seu carón a cambio dunha parcela de felicidade. E é deste xeito que as nosas rúas e camiños se van decorando con ollos orientais e peles negras, novas flores nas nosas primaveras.
_____________________
Xa ben o sabía Castelao...
CHEGÓU DAS AMÉRICAS UN HOME RICO e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagalo, un fonógrafo...
O negriño foi medrando na aldea, onde deprendendeu a falar con exebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocóu de amo para ganalo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro coma o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdeu no su maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeóu polas escaleiras dun trasatlántico.
Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezóu cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
-Aí, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
Panchito retornóu á aldea. Chegóu probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco...

Vía Marcus.

1/05/07

Dereito ao voto e lectura obrigada

Chegan as eleccións e outra volta de polémica co dereito a votar dos emigrantes, se non saben o que aquí pasa, se están manipulados polas visitas electoralistas dos candidatos, se se moven por promesas de calquera beneficio futuro... ben, é certo, pero tamén se poderían dicir esas tres cousas de moitísimos dos que habitamos o territorio patrio e ninguén quere privalos do dereito ao voto. Non, non se chamen a engano, desde o meu punto de vista non deberían ter dereito a votar aquí, mais non por todo o anterior senón polo feito de que o colectivo emigrante non vai sufrir ou gozar dos resultados desas eleccións nas súas propias carnes ou non na mesma medida que os que aquí vivimos. Ben, xa sei que a cuestión daría para moita máis análise pero non era disto do que quería falar.
Hoxe quero falar de Fíos invisibles, o blog de Débora Campos, un lugar que se non o coñecen deberían coñecelo. Confeso que a primeira vez que me acheguei a el pensei que sería un máis do mesmo, unha semifolclorada morriñenta que nada tería que ver comigo (si, seino, estou chea de prexuízos). Afortunadamente a realidade deume unha labazada fresca na cara, descubrín unha páxina moi interesante, onde prima a crónica intelixente e que en moitas ocasións deixa paso á análise profunda de cuestións de máxima vixencia e esas dúas vertentes rodeadas da maxia do propio, chegar ao mundo falando de un, que mellor maneira de facer as cousas!
Atopei na autora unha galega moito máis coñecedora da nosa realidade que moitos dos que aquí habitamos, unha muller que nos achega unha perspectiva de nós mesmos enriquecedora, unha visión que mesmo digo rodeada de amor sen medo a caer no cursi pois só con amor ao propio é como se poden artellar discursos coma os dela. Por iso cada vez estou máis convencida de que Fíos invisibles sería un bo exemplo para a campaña de Galicia calidade e debería ser lectura obrigada para calquera galego.
Desde aquí os meus parabéns para Débora Campos e os meus ánimos para seguir a tecer eses "fíos invisibles" que nos unen.
[Sigo moitos blogs e por iso non son amiga de falar deles en particular para non ferir sensibilidades xa que todos eles me ofrecen algo que me gusta. Confórmome con plaxialos, poñer links cando provocan en min un novo post e pouco máis, pero esta vez quixen facer unha excepción que considero ben xustificada. (Agora que rematei de escribir o post, quen sabe, quizais faga isto máis veces. É agradable poder felicitar a aqueles que nos alimentan día a día coas súas obras e agradecerlles o que de positivo achegan ás nosas vidas. Crearei unha nova etiqueta e logo o futuro dirá.).]

17/04/07

Normalizacion lingüística

Hoxe Veloso publica un post para o meu gusto moi acertado sobre a situación actual do proceso de normalización. Reproduzo de seguido un resumo do texto.

______

Que queremos dicir cando falamos de normalización lingüística
[...] eu diría que a percepción do galego e, sobre todo, dese proceso que se deu en chamar "normalización lingüística", está a mudar para peor. Despois de décadas de indiferenza maioritaria [...] batemos agora cunha novidade que non agardabamos: a hostilidade manifesta de certos sectores, aínda non moi significativos, pero suficientemente ruidosos como para que as súas queixas sexan esparexidas por veteranísimos xornais e webs de nova creación. Antes de que o regueiriño medre e se faga río, sería conveniente, creo eu, que aqueles aos que aínda nos importa algo a lingua [...] pasemos á acción.
[...] O único que se pide [...] é que aqueles que desenvolvemos a nosa vida cotiá en galego -segundo as enquisas, aínda somos maioría- poidamos facelo con absoluta normalidade, sen atopar atrancos nin discriminacións.
[...] hai un segundo punto que vos propoño, non só como debate, senón como inicio dunha acción directa [...] falta pouco para o 27 de maio, data das eleccións municipais. Propóñovos que, como cidadáns galegos e galegofalantes que somos, empecemos dende agora mesmo a esixir aos nosos medios de comunicación e aos que pretenden ser os nosos representantes nos concellos un compromiso firme co proceso de normalización da lingua galega. [...] Fagamos, pois, que oian a nosa voz.

13/04/07

Estevo Creus


Ás veces
colliamos os puñais máis grandes
e xogabamos a destruírnos docemente.

Detrás
os arrecifes.

9/03/07

Carlos Casares (1941-2002)


A Selva quere sumarse á iniciativa de Marcos Valcarcel para lembrar a Carlos Casares cando se cumpren cinco anos da súa morte.
A min dicir Casares tráeme o sabor das clases de BUP, de semicerrar os ollos para que a primavera reflectida no papel do libro de texto siga a cegarme como un raio fulminante mentres en off voces consecutivas de estudantes lían parágrafo tras parágrafo.
Deixo aquí un texto de Manuel Rivas que atopei onte nunha web feita co gallo do seu segundo cabodano.
_____________

Desacordo sobre un suceso (Manuel Rivas)

Disque unha cousa é o que existe e outra o que sucede.

Sssssh. Non dicir que morreu. Non llo dicir a ninguén. Tampouco hai que mentir, claro. Non dicir nada. Temos que admitir a realidade. Pero a realidade tamén debería ser máis dialogante. Non pode chegar como unha ladroa na noite, e levarse, así como así, do melloriño que temos, a lúa polo prezo dunha mazá reineta.

Podemos chegar todos a un acordo. Para iso está a literatura. Pararlle un pouco os pés á realidade. Non aceptala cando se comporta como un rufián que anda acoitelando corazóns e reloxos desta maneira. Independentemente do que sucede, Carlos Casares existe. Si, señor. É un grande escritor e un gran tipo. Un froiteiro en flor. Da mellor estirpe de Galicia, a da liberdade, o humor e un pisco de melancolía.

Sempre haberá algún túzaro que veña coa verdade por diante como unha máquina cortadora de céspede: "¡Morreu, morreu, morreu!".

Non facerlle caso. É a realidade que anda a meter ruído. Nós escoitamos a voz de Casares escribindo no aire. Abrimos o libro como quen abre unha cancela e imos por esa corredoira do segredo: ¡Alí está Carlos falando coa rosa, o raposo e o principiño!
E o tipo da cortadora, dalle que dalle: "¡Morreu, morreu, e morreu!".

Hai que manterse firmes. Non deixarse comer a moral. ¿Morreu? ¿E sábelo ti, eh, listo espelido? Porque unha cousa é morrer un día, por exemplo o 9 de marzo do 2002, e outra moi distinta morrer toda a vida.

25/02/07

11 Aniversario de Vieiros

Parabéns.

24/01/07

.gal

Agora xa podes anotarte aquí se queres apoiar a iniciativa da Asociación Puntogal.