Mostrando entradas con la etiqueta Blogueiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Blogueiros. Mostrar todas las entradas

18/06/08

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

29/05/08

Aniversario e premio

[Fotografía de X]

Hoxe voulles falar dunha feliz coincidencia. Tal día coma hoxe de fai exactamente dous anos dei na rede co tobo do señor Kaplan de casualidade, o lugar común foi Ithaca, eu buscaba outra e fun dar á súa. Daquela só sabía que había algo chamado blog que comezaba a ter algunha xente desa que aparece nos papeis, e por suposto ignoraba por completo que existise algo chamado blogomillo.
O caso é que podo dicir que ese afortunado feito cambiou a miña vida, ou cando menos os hábitos e a forma de rexistrar os meus propios tempos vitais. A súa páxina converteuse nunha ponte perfecta para dar con moitas outras que se habían facer lugares de visita cotiá. Descubrín novas formas de información, en moitas ocasións o acceso directo ás fontes, tamén un xeito diferente de achegarme á vida cultural galega deste un punto de vista máis amplo.
Pero ademais de todo isto dei con moitas visións persoais de como a vida se nos pasa, que ao final, son as que con máis forza me reteñen neste medio porque me asombran e iso me fai pensar, e logo aprendo, e ese proceso de aprendizaxe é realmente cativador.
Como acontece nas relacións sentimentais longas, ás veces boto de menos a emoción daqueles tres primeiros días en que todo era novo, pero aquí sigo, e con poucas ganas de marchar.
O que desde logo eu non podía imaxinar daquela é que o autor da web que acababa de descubrir dous anos despois me concedese un premio, pero iso é xa outra historia.

24/05/08

Moru

Acabo de enterarme da NOTICIA e non podo facer outra cousa que vir á Selva a contalo. Moru xa está aquí e Ghanito e a señora Colombo son pais. El emocionado, ela emocionada e desfeita logo dun parto longuísimo, a menina preciosa. Parabéns a toda a familia desde a Selva.

21/05/08

Lars and the Real Girl

Non vexas Lars and the Real Girl se es dos que cre que unha boneca non pode ter vida.
Luís Galego contáo moito mellor do que o podería facer eu.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

14/05/08

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

21/04/08

Xuntanza de blogueiros

O 31 de maio tes unha cita en Agolada. Aínda non o sabías? Pois mira.

17/04/08

Enjut@ Mojamut@

Chégame un convite do señor Kaplan de responder ao seguinte meme. Fágoo ipso facto:
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Máis das que debería, digamos que hai días en que o ordenador non se apaga.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Máis de dez: 3 do blog (gmail, yahoo, flickr), a de yahoo, dúas do traballo e unhas cantas que foron xurdindo.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Teño conta en algunha pero non uso ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blog, con diferenza, aínda que moitas veces se me queda curto. Realmente gustaríame saber deseñar páxinas web para poder utilizar doutra forma letra, son, imaxe, vídeo... Gústame moito o flickr, tanto para colgar fotos miñas como para navegar polas alleas. Un dos meus pasatempos preferidos é o paseo por imaxes na rede, gústame procurar as imaxes precisas para cada post aínda que a maioría das veces non aparece aquela concreta que tes na cabeza acabas dando con algunha que se achega.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Coñezo persoalmente a varios, aínda que el@s non saiban quen son eu. Logo teño compartido espazo común con bastantes máis nas mesmas condicións.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@> Realmente volvinme unha adicta aos blogs, sigo diariamente uns dez, semanalmente uns vinte e no meu lector de sementes conviven máis de cen.
Quen guste das preguntas que siga o meme e deixe recado.

15/04/08

Kaplan embalado

Así atopei fai dous días a Kaplan, embalado e polo chan. Foi imposible saber o contido das tentadoras caixas.

Seino, a foto é mala, malísima de solemnidade, pero como documento gráfico creo que abonda. Ademais, a ver que foto quitaban vostedes desde o coche, conducindo e cun tipo ao lado dicíndolles: "Circule, por favor, circule"

25/03/08

O meme das alegrías

Cando L.Q.B. tivo a ben convidarme a participar no seu orixinal meme sobre coñecementos bíblicos ou, dito doutro xeito, con que cinco blogueir@s farías alegrías durante unha noite toda, primeiro foi aquilo, máis tarde iso, para seguir con esta brincadeira que debeu ser ben mala. E o caso é que despois das santas xornadas a cousa acabou neste post que me resultou bastante divertido e que espero non ofenda os aludidos. Aí vai a miña listaxe dos 5 nomes, nesta ocasión candidatos, en orde alfabética:
Cabrafanada – entre outras cousas, por isto (sen máis comentarios).
Kaplan – polo cine, as palabras, Kavafis e o que subxace.
O Pitiño – polas súas piadas (aínda na ausencia).
Suso Bahamonde – porque o sexo sempre me pareceu unha forma interesante de baixar aos infernos.
Torreira – porque nunca tiven ocasión de probar o LK mentres, e teño a certeza de que sería unha moi agradable experiencia.
Non vou convidar a ninguén explicitamente a seguir este meme, xa que non está no meu ánimo violentar a ningún dos visitantes desta súa selva; agora ben, saiban todos e todas que quedan formalmente invitados a espallar este exercicio de fresco descaro.

17/03/08

Días estranhos - 5 anos

O blog de Martín Pawley cumpre cinco anos e faino principiando unha serie de recomendacións literarias de diferentes persoeiros que se abre coa intervención de Agustín Fernández Paz. Parabéns ao autor polo aniversario e pola iniciativa.

4/03/08

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.

28/02/08

Blogueiro perspicaz

Vía Calidonia.