Páxinas

2008/09/28

Estévez / Lama conclusións selváticas con adaptación de nivel

Conclusións selváticas para Primaria:
- Un libro é unha cousa con páxinas de papel, e se non ten páxinas de papel non é un libro.
- Xoga cos amigos no patio porque se vén outro doutro cole e che pega os teus amigos te han defender.
Conclusións selváticas para Secundaria:
- O que che din teus pais é certo, en Internet todo é mentira, os libros tamén.
- Se es un adolescente con tendencia a illarte no teu cuarto todo o día enganchado no ordenador procura ter unha boa listaxe de contactos na túa rede social.
Conclusións selváticas para Bacharelato:
- Moita da literatura galega actual está vinculada á rede pero ti nin caso, os autores que publican blogs non caen nas probas de acceso, aí só se tratan cousas serias.
- O linchamento non é unha práctica social aceptada aínda que se trate do mozo que che puxo os cornos coa túa mellor amiga.
Conclusións selváticas para blogueir@s:
- Eduardo Estévez é o autor do libro que máis lle gustou ao xurado.
- Xavier Lama presentou unha reclamación nun exercicio lexítimo dos seus dereitos.
- O xurado actuou en ambas as dúas ocasións de boa fe.
- O moralmente correcto e o legal neste caso non coinciden.
- Sendo imposible coñecer a diferenza entre editado e inédito, ao mellor sería máis práctico de agora en diante acudir ao concepto de público fronte a descoñecido. De seguro que existen libros de poesía galega editados e publicados moito menos coñecidos que o blog de Estévez, mesmo antes da polémica.
- O blogomillo pode derivar en poderoso lobby cultural.
- A mellor publicidade para un poemario é que lle concedan un premio e logo llo retiren, para proba algunhas das referencias ao tema:

Dos protas:
Eduardo Estévez
Xavier Lama

D@s outr@s:
Alfredo Ferreiro
Danilo
Francisco Castro
Ghanito
Igor Lugrís
Jaureguizar
Juán L. Blanco Valdés
Lándoas
Manuel Bragado
Marcos S. Calveiro
María Lado
Mario
Séchu Sende
Susarins
Vieiros
Xosé Manuel Eyré

2008/09/23

Novo horizonte

Despois de horas de asfalto, de autovías, autoestradas, estradas e rúas aturando a voz ridiculamente insoportable da rapariga do imposibleperderse, agasallo de nadal nunca desexado, e co coche tan cheo de cousas que só me faltaba colgar o bolso no espello retrovisor e soster o móbil entre os dentes, xorden pensamentos perigosos e acabo por pensar que o seguinte debería ser un coche máis grande. Si, un monovolume negro desa marca con nome de raíña española.
Xa hai novo tobo e grazas á prontitude da innomeable xa podo recuperar a conexión no medio de maletas e bolsas a medio recoller.
Este, o da foto, é o meu novo horizonte.

2008/09/21

Por un mundo que non vin


Adios miradoiros, adios praias,
adios barquiños pequenos,
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor
paseíños pola ría
adios por un tempo, adios.

Adios gloria, adios contento
deixo a casa onde vivín
deixo a cidade que coñezo
por un mundo que non vin.

Deixo amigos por extraños,
deixo a ría polo río,
deixo en fin canto ben quero
quen poidera escorrentar este frío.

Non me olvides queridiña
se morro de soidás,
tantas leguas terra adentro
miña casiña meu lar.

Adios miradoiros, adios praias,
adios barquiños pequenos,
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

non sei cando nos veremos...
non sei cando nos veremos...